Manuel Baltar: "Recoñecer o traballo da muller rural é a maior homenaxe que lle podemos facer ás grandes loitadoras contra o despoboamento do rural"

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense dixo no acto de conmemoración do Día da Muller Rural que as mulleres rurais "son as principais aliadas do desenvolvemento social das nosas aldeas"

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Piñor, no acto de conmemoración do Día da Muller Rural, que recoñecer o traballo da muller rural "é a maior homenaxe que lle podemos facer ás grandes loitadoras contra o despoboamento do rural", e cualificou ás mulleres rurais como "as principais aliadas do desenvolvemento social das nosas aldeas".

Os actos que conmemoran o Día da Muller Rural tiveron lugar no pobo de Cotelas (Piñor), onde se deron cita unas trescentas mulleres procedentes de toda a provincia de Ourense, integradas na Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro). A súa presidenta, María Teresa Cid, agradeceu o apoio do presidente provincial a este movemento asociativo que configuran as mulleres rurais de Ourense e abogou por seguir potenciando o traballo que levan a cabo as mulleres nos pobos e aldeas da nosa provincia, "porque coas nosas actividades contribuímos a unha gran labor social de axuda ás persoas maiores e a defender o mantemento de poboación no ámbito rural".

Manuel Baltar destacou que esta xornada "non é unha máis no amplo calendario de actividades que desenvolven as mulleres rurais de Ourense, senón que esta data é acaída para intercambiar experiencias e poñer en valor o traballo que se realiza ao longo do ano, o cal permitirá seguir mellorando, potenciando e –o máis importante- seguir humanizando o noso medio rural".

Trala inauguración da xornada, os actos desenvolvidos no Día da Muller Rural incluíron actividades culturais e de ocio, coloquios, percorridos turísticos e un xantar de confraternización no que as diferentes asociacións que integran Femuro puxeron en común experiencias e iniciativas que levan a cabo nas diferentes comarcas da provincia de Ourense.