A Xunta aproba os estatutos para a creación do Consorcio de Augas de Valdeorras
Está integrado pola Deputación de Ourense, Augas de Galicia e os nove concellos da comarca de Valdeorras. O obxectivo é a ordenación e xestión dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais.
O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe os estatutos do Consorcio de Augas de Valdeorras, integrado polo ente público empresarial Augas de Galicia; a Deputación Provincial de Ourense, e os concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
O obxectivo principal deste consorcio é a ordenación e xestión, por delegación dos concellos que o integran, dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais, que comprenderá o exercicio de tódalas competencias municipais na materia para a totalidade dos termos municipais de referencia.
O ámbito material do servizo abarcará a depuración de tódalas augas residuais que se vertan ás actuais infraestruturas municipais de depuración a través das correspondentes redes públicas de saneamento, así como a depuración das augas residuais que se reciban nas fosas sépticas de titularidade municipal, e a depuración das augas residuais que se xestionen a través das infraestruturas que, no exercicio das competencias delegadas, poida crear o Consorcio no futuro.
A delegación comprende ademais as competencias municipais en materia de policía de vertidos de augas ás infraestruturas de depuración, incluíndo o exercicio de tódalas facultades de vixilancia, inspección e control.
O Consorcio de Augas de Valdeorras terá a súa sede social no Concello do Barco de Valdeorras e estará integrado polos seguintes órganos: a Asemblea, a Comisión Executiva, o presidente e, se é o caso, os vicepresidentes que este designe; e a Comisión Especial de Contas.
O novo consorcio xestionará o servizo de depuración de augas residuais dos preto de 28.000 habitantes dos concellos da Comarca de Valdeorras. A prestación deste servizo integral implica unha mellor garantía ambiental para os ríos da comarca, o que beneficia aos ecosistemas e a todos os usos da auga, como o de abastecemento. Ademais, tamén supón a asunción da responsabilidade do mantemento das instalacións de depuración e o seu seguimento ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; así como unha maior sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.