A Deputación de Ourense convoca o "X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil"

Compartir

A Deputación de Ourense convoca o "X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil"

Os traballos deberán presentarse antes do 20 de decembro e basearanse na obra gañadora do premio de narración "Por que está triste Miañas?". Establécese un premio de 1.500 euros.

A Deputación de Ourense ven de convocar o "X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil", dotado con 1.500 euros. Os ilustradores interesados en presentar as súas obras ao premio deberán envialas antes do 20 de decembro de 2012 ao Rexistro Xeral da Deputación de Ourense, tomando como base o texto gañador deste premio na modalidade de narración: a obra "Por que está triste Miañas?", da escritora Ángela Fernández Rey. Os interesados poden solicitar na Deputación de Ourense o texto, que lles será remitido por correo electrónico.

O premio "Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil" ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.

O certame "Pura e Dora Vázquez" ten como finalidade principal servir de homenaxe a estas senlleiras poetisas ourensáns, que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos.

Ao premio de Ilustración poden concorrer todos os ilustradores de calquera nacionalidade que presenten ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, referidas ao texto premiado no apartado de narración.

Coas ilustracións, que se presentarán no seu conxunto baixo lema, achegarase en sobre pechado o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico do autor. O xurado estará formado polo presidente da Deputación de Ourense, ou persoa que designe oportunamente, e por catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).

O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o considere, e a Deputación de Ourense, como propietaria das obras, resérvase todos os dereitos de edición sobre as obras premiadas en todos os ámbitos e linguas do Estado.

Este ano a gañadora da modalidade de narración foi a escritora ourensá Ángela Fernández Rey pola obra "Por que está triste Miañas?", que foi elixida por unanimidade do xurado, que entende que a obra "fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos", e destacaou tamén "o áxil ritmo narrativo, cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil".

O xurado subliña ademais o enfoque narrador da obra, "que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano", e sinala "que pon en valor o xénero literario da fábula".