Xornadas técnicas sobre Xestión deportiva municipal, na Deputación de Ourense

Compartir

O Servizo de Deportes da Deputación de Ourense convoca unas Xornadas Técnicas sobre Innovación Deportiva Municipal, en colaboración coa Asociación Galega de Xestores Deportivos, que terán lugar os vindeiros 26 e 27 de outubro no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. O obxectivo é debater sobre os novos instrumentos e fórmulas que axuden a acometer con éxito a xestión deportiva nos pequenos e medianos municipios, de xeito especial nestes momentos de crise, que invita a contemplar con novos ollos o fenómeno deportivo. As xornadas serán inauguradas o venres 26, ás 16,00 horas, polo presidente provincial, Manuel Baltar.

O encontro está dirixido prioritariamente a alcaldes, concelleiros e persoal técnico-deportivo de entidades locais, e tamén aberto a xestores de servizos e instalacións deportivas, estudantes, licenciados en ciencias da actividade física e o deporte, así como a profesionais do sector de toda Galicia.

O profesorado do curso está integrado por Eduardo Blanco Pereira, profesor do INEF da Coruña e presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos; a Secretaría Xeral para o Deporte, que presentará as "Achegas do programa Galicia Saudable aos concellos"; Javier Imbroda, que fora seleccionador nacional de baloncesto e do Real Madrid, e na actualidade director da Área de Deportes do Concello de Málaga; María José Pedrosa, xerente do Instituto Municipal de Deportes de Sevilla, e Alberto Blázquez, doutor en Ciencias do Deporte e especialista en dinamización deportiva.

As xornadas comprenderán dúas sesións: o venres, día 26, de 16.00 a 20.00 horas, e o sábado, día 27, entre as 10.00 e as 14.00 horas. Na web www.pazopacopaz.es os interesados poden inscribirse e recibir máis información.