O Consorcio de Augas de Valdeorras reuniuse no Barco para tratar a aprobación das ordenanzas reguladoras

Compartir

Na Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, tivo lugar o pasado 20 de novembro a reunión do Consorcio de Augas de Valdeorras, que incluía na orde do día como principais temas a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración nos municipios do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, e a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación delegada dos servizos de abastecemento domiciliario de auga potable e saneamento no concello de O Barco de Valdeorras. Ademais a orde do día incluiu a delegación na Deputación de Ourense da competencia de xestión tributaria e recadación da taxa por depuración.

O obxectivo principal do consorcio é a ordenación e xestión, por delegación dos concellos que o integran, dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais, que comprenderá o exercicio de todas as competencias municipais na materia para a totalidade dos termos municipais de referencia. O ámbito material do servizo abarcará a depuración de todas as augas residuais que se vertan ás actuais infraestruturas municipais de depuración a través das correspondentes redes públicas de saneamento, así como a depuración das augas residuais que se reciban nas fosas sépticas de titularidade municipal, así como a depuración das augas residuais que se xestionen a través das infraestruturas que, no exercicio das competencias delegadas, poida crear o Consorcio no futuro.

Esta reunión foi a primeira dende que o pasado 30 de outubro tivera lugar a sesión constitutiva do Consorcio de Augas de Valdeorras, que está integrado polo ente público empresarial Augas de Galicia, a Deputación de Ourense, e os concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.