Máis de 150 voluntarios de Protección Civil de Ourense analizan a situación de emerxencias no rural da provincia
Manuel Baltar dixo na inauguración das xornadas que a Deputación seguirá facendo un gran esforzo financeiro "para que a crise non afecte nin á calidade nin á implantación e prestación dos servizos de emerxencias".
O presidente provincial agradeceu "o labor impagable" que fan os voluntarios de Protección Civil "no seu traballo humanitario e profesional en favor dos cidadáns".
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta mañá en Lobios as xornadas sobre "Xestión de emerxencias no rural transfronteirizo" afirmando que a institución provincial "seguirá facendo un gran esforzo financeiro ao longo de 2013 para que a crise económica non afecte nin á calidade nin a implantación e prestación dos servizos de emerxencias". Baltar agradeceu aos máis de 150 voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense que se dan cita nestas xornadas "o labor impagable que fan no seu traballo humanitario e profesional a favor dos cidadáns".
No acto inaugural participaron tamén a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; o director xeral de Interior e Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da Asociación provincial de Protección Civil de Ourense, Juan Míguez.
Santiago Villanueva destacou que a importancia do papel dos voluntarios de Protección Civil "compróbase no número de actuacións que realizan ao longo do ano as máis de 200 agrupacións existentes en Galicia", destacando as intervencións en máis de 4.000 accidentes de tráfico e en máis de 1.500 incendios. O total de operativos anuais ascende a máis de 13.000 actuacións.
Manuel Baltar dixo que dentro das prioridades de calquera administración "o servizo de emerxencias ocupa o lugar máis importante, porque é a base de todos os outros servizos", e engadiu que ese "apoio total" verase reflectido "nos orzamentos da Deputación para o ano 2013, orzamento no que nos veremos obrigados a reducir en case que todas as partidas agás nas relativas aos temas de emerxencias".
O presidente provincial subliñou de maneira especial o labor e a colaboración "das centos de persoas que voluntariamente colaboran de xeito altruista e desinteresado, un verdadeiro exemplo a seguir, e que prestan o seu servizo e axuda nos 7.273 quilómetros cadrados da provincia de Ourense".
Rematou Baltar remarcou "a continuidade desta aposta decidida, en colaboración coa Xunta de Galicia, dos grupos de intervención en emerxencias". Asemade anunciou que levamos tempo traballando "no Consorcio Provincial de Emerxencias -unha das medidas incluídas do Plan OURENSE 92 para 2013-, que integrará aos existentes e que organizará e coordinará no futuro inmediato todos os servizos de emerxencias dos concellos, xunto coas asociacións e agrupacións de voluntarios da provincia.
Ao longo dos dous días en que se desenvolverán estas xornadas en Lobios, diferentes relatorios e mesas redondas abordarán temas de máxima actualidade no ámbito das emerxencias. Entre eles destaca "A situación das emerxencias no rural transfronteirizo galego-portugués", "A formación do persoal en servizos de emerxencias" ou «O presente e futuro das emerxencias no rural galego".