A Deputación de Ourense seguirá prestando o Servizo de Teleasistencia a pesares dos recortes estatais

Compartir

Será unha das primeiras de España en asumir en 2013 o custe do servizo, que ascende a 460.000 euros, trala supresión deste programa por parte do Imserso. Baltar asegura que a prestación deste servizo "seguirá facéndose igual porque, aínda en tempos de crise, os servizos sociais deben manter a calidade e a eficiencia". Esta medida inclúese no Plan "BenOurense" de Servizos Sociais que puxo en marcha a institución provincial.

A Deputación de Ourense asumirá en 2013 a prestación do servizo de Teleasistencia domiciliaria en todos os concellos da provincia agás nos que teñan máis de 20.000 habitantes, é dicir, en 91 dos 92 municipios da provincia excepto a capital. Desta maneira asegúrase que no vindeiro ano todos os cidadáns que son beneficiarios deste servizo seguirán sendo receptores do mesmo, para o cal a Deputación de Ourense fará un importante esforzo orzamentario para asumir os máis de 460.000 euros de custe que ten a prestación da teleasistencia.

O presidente provincial, Manuel Baltar, asegura que os servizos sociais ten que ser a partida orzamentaria que menos se vexa afectada pola crise, e por este motivo puxemos en marcha o Plan BENOURENSE de Servizos Sociais para que todas as iniciativas que desenvolvamos neste ámbito vaian encamiñadas a dar un maior e mellor servizo, coa máxima eficiencia, ás persoas que máis o necesitan, entre elas as beneficiarias da teleasistencia domiciliaria".

Na provincia de Ourense son un total de 1.893 as persoas que se acollen aos servizo de teleasistencia. No ano 2012, a aportación do Imserso foi de 284.831 euros para un servizo cuxo custe ascendeu ata os 480.000 euros, aportando a Deputación de Ourense 150.000 euros e os concellos, no seu conxunto, 45.000 euros.

Ante a supresión anunciada para o 2013 do Programa de Teleasistencia por parte do Imserso, Manuel Baltar, adquiríu o compromiso de que a Deputación de Ourense xestione para o vindeiro exercicio este programa, a través do Plan "BenOurense", asumindo a institución provincial a responsabilidade económica, o que significa que incrementará nun 300% a achega para o servizo de teleasistencia. Desta maneira, todos os concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes (91 dos 92 municipios) poderán dispoñer deste servizo.

Entre as primeiras de España

A Deputación de Ourense é unha das primeiras de España en dar este paso, que incluirá, ademais, a implantación dun proxecto TIC que mellorará a eficacia e a eficiencia no que atinxe á relación entre os beneficiarios, os concellos e a Deputación de Ourense, proxecto no que hai meses ven traballando a Deputación logo de coñecerse a supresión do programa por parte do Imserso.

O Programa de Teleasistencia da Deputación de Ourense está incluído no Plan de Servizos Sociais "BenOurense", integrado nas directrices do Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92, da institución provincial.

O Plan de Servizos Sociais "BenOurense" responde ao compromiso e á responsabilidade institucional da Deputación de Ourense que considera que os servizos sociais son o sistema axeitado por excelencia para dar resposta ás necesidades sociais básicas dos cidadáns, para acadar altos índices de benestar social garantindo a igualdade de oportunidades no acceso a calidade de vida e a participación social da poboación.

Obxectivos do Plan BenOurense

O Plan BenOurense estrutúrase e catro áreas: a primeira refírese a "Equipos profesionais de servizos sociais", no que se recolle a estrutura técnica básica dos servizos sociais, tanto para os que prestan servizos nos concellos/mancomunidades como o equipo técnico provincial. A segunda área é a de "Servizos Sociais no Fogar", un servizo básico para a mellora da autonomía das persoas e o favorecemento da calidade de vida da poboación. A terceira área refírese ao "Plan de emprego de servizos sociais", que da resposta en gran medida á necesidade de reforzar os recursos humanos que en cada concello prestan atención domiciliaria, e a cuarta área engloba aos "Programas de iniciativa social", que reflicte o espírito solidario do plan, dando entrada a sociedade civil promovendo a colaboración e cooperación para que se traduzan en máis e mellores programas sociais que permitan dar cobertura a grupos ou necesidades que non poden ser atendidos polos recursos básicos.