O municipio colombiano de La Dorada interésase polos proxectos medioambientais da Deputación de Ourense

Compartir

Manuel Baltar recibiu a visita do alcalde deste concello de Colombia, interesado nos programas de xestión da auga, recollida de residuos e tratamento da biomasa.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu ao alcalde do municipio colombiano de La Dorada, Erwin Arias Betancur, quen se interesou polos proxectos medioambientais que desenvolve a institución provincial, coa finalidade de poder aplicalos no seu municipio -un dos máis grandes no ámbito gandeiro de toda Colombia-, sinaladamente os relacionados coa xestión da auga.

En concreto, Erwin Arias analizou polo miúdo os proxectos de recollida de residuos sólidos urbanos, o de tratamento de biomasa –do que a Deputación de Ourense é pioneira en España- e o da xestión da auga, neste caso, no que atinxe ao ciclo completo, tanto no que respecta a auga de consumo como ao saneamento, que a Deputación de Ourense xestiona a través de AquaOurense.

Manuel Baltar dixo que as políticas medioambientais "son unha prioridade para a Deputación de Ourense, xunto ao servizos sociais", e mostrouse convencido de que "a competitividade económica poderá fornecerse e encamiñarse con máis celeridade cara resultados positivos se as administracións impulsan accións sostibles e ecolóxicas nas áreas máis sensibles para a cidadanía, como son a dos residuos, a auga, e a protección do medio ambiente natural".

O concello colombiano de La Dorada -pertencente ao Departamento de Caldas-, que ten un tamaño poboacional semellante ao da cidade de Ourense, busca, en primeiro termo, mellorar a xestión do servizo da auga, e quere poñer en marcha –segundo lle manifestou o alcalde ao presidente da Deputación- un plan para a construción dun acueducto, unha rede de sumidoiros e poder desenvolver accións eficaces para o control das inundacións.

O modelo de xestión da auga, que leva a cabo a Deputación de Ourense por medio de AquaOurense, ten o seu punto forte na cooperación cos concellos, unha iniciativa na que tamén a institución provincial está a ser unha das máis proactivas de España. Recentemente puxo en marcha, xunto cos 9 concellos de Valdeorras, o Consorcio da Auga de Valdeorras, unha iniciativa pioneira en Galicia que conta coa implicación das administracións locais, provincial e autonómica. O obxectivo é a xestión dun servizo intermunicipal de depuración de Augas residuais na comarca valdeorresa.

Manuel Baltar tamén lle informou ao alcalde de La Dorada dos demais servizos de cooperación e asistencia cos concellos da provincia de Ourense, como son os relativos á recadación de tributos locais. Erwin Arias visitou Ourense dentro da xira que está a realizar por Europa para coñecer infraestruturas e proxectos pioneiros do ámbito da xestión da auga e outras novidosas iniciativas medioambientais. Ademais de Ourense, a súa visita en España levouno a Barcelona, Madrid e Asturias.