Maior eficiencia, especialización e calidade dos servizos, obxectivos das políticas de persoal da Deputación de Ourense para 2013
A Deputación asumiu o compromiso co Comité de Empresa e coa autoridade laboral de que esta medida non afectará ao persoal laboral fixo.
Ademais, amortizaranse 28 prazas vacantes, e en 2013 haberá unha redución no gasto de persoal de 1,3 millóns de euros, pasando de 29,1 a 27,8 millóns de euros.
Manuel Baltar: "Son medidas firmes e coherentes que é necesario asumir para axustar e redistribuír o persoal do ente provincial, co obxectivo de seguir mellorando na xestión administrativa e na atención ao cidadán".
As políticas de persoal da Deputación de Ourense, incluídas na nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e no Plan de Ordenación de Recursos Humanos para 2013, teñen como obxectivo acadar unha maior eficiencia e especialización na xestión, redimensionar a administración provincial e reducir o gasto público, ademais de incrementar os servizos que se prestan aos concellos potenciando as políticas de cooperación.
O orzamento da Deputación de Ourense para 2013 terá unha redución no gasto de persoal de 1,3 millóns de euros, o que permitirá, en opinión do presidente provincial, Manuel Baltar, "optimizar o custe dos recursos humanos e acadar maior eficiencia na prestación dos servizos".
Neste senso, unha das medidas que vai adoptar a deputación, motivada pola redución dos orzamentos e por causas económicas e organizativas, é a realización dun expediente de despido colectivo (EDC), que afectará a 32 empregados laborais indefinidos. A Deputación xa acordara co Comité de Empresa e coa autoridade laboral –segundo resolución aprobada no pleno de maio- asumir o compromiso de que esta medida non afectaría ao persoal laboral fixo.
Queda excluído do EDC o persoal laboral indefinido que teña unha discapacidade igual ou maior do 33%; un traballador próximo á idade de xubilación, e persoal que por necesidade do servizo debe seguir desempeñando o seu labor profesional, neste caso: 5 monitores do Pazo dos Deportes, unha administrativa da Biblioteca, un auxiliar de Recadación que presta servizo en Viana do Bolo, e dúas persoas que traballan ao servizo do grupo do Socialista.
En canto os prazos de execución, agora ábrese un período de negociación para o desenvolvemento do expediente e crearase unha comisión negociadora –encargada de elaborar un calendario de negociación-, que no prazo dun mes terá que celebrar, alomenos, tres reunións. Estímase que o EDC será efectivo a partires do 1 de febreiro de 2013.
Amortización de 28 prazas
Pola súa banda, a RPT vai redimensionar as plantillas de funcionarios e laborais fixos por medio dunha amortización de 28 de prazas vacantes -que non se cubrirán-, co obxectivo de racionalizar a estrutura organizativa do ente provincial. A isto únense medidas como a unificación do Parque Móbil; a creación dunha sección de Avaliación do Rendemento, e a creación de postos destinados a impulsar a e-Administración, xunto coa potenciación da formación dos empregados públicos, así como a creación da nova estrutura de xestión do ente provincial que terá áreas: Administración Xeral, Facenda, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas e Cultura-Deporte. En definitiva, unha aposta pola eficiencia na xestión.
Todos estes axustes implican que no ano 2013 haberá unha redución no gasto de persoal de 1,3 millóns de euros, pasando de 29.125.044 euros en 2012 a 27.814.622 euros en 2013. A esta redución sumarase o feito de que en 2013 pasarán á xubilación 13 traballadores, unha cifra que se incrementará ata os 39 ao final do mandato, en 2015, prazas que, en principio, non está previsto que se cubran e que poderían amortizarse en función das necesidades.
Baltar defende a necesidade –como xa o anunciara na presentación do Plan OURENSE 92- de "redimensionar e adelgazar a administración provincial", replantexando servizos e, de ser o caso, redistribuíndo ao persoal, ademais de implementar unha nova estrutura orgánica "que permita optimizar o gasto e seguir mellorando a xestión de cooperación cos concellos e procurar a mellora dos servizos aos cidadáns".
O presidente provincial considera que o Plan de RRHH "é un documento vivo e dinámico" "que se pode ir modificando e adaptando en función das necesidades", como aconteceu nunha das primeiras medidas adoptadas, cal foi a creación das brigadas medioambientais formada por empregados que antes realizaban o seu traballo nos centros ecuestres e que agora prestan servizos medioambientais.
Medidas firmes, coherentes e resolutivas
Baltar afirma que a grave situación económica "lévanos a tomar medidas firmes, coherentes e resolutivas polo ben do interese xeral, unha filosofía de xestión que debe presidir calquera administración en calquera momento, cando máis nesta situación". Asemade, Baltar considera que hoxe máis que nunca o punto de partida dunha xestión eficiente pasa por "racionalizar o gasto e redimensionar os recursos, tanto técnicos como humanos, para que poidamos cumprir, grazas a ese reaxuste e a unha contundente política de aforro e contención do gasto, cos obxectivos que nos marcamos: prestar os mellores servizos aos cidadáns e aos concellos. cumprir co pago a provedores, realizar o plan provincial de obras e levar a cabo os proxectos de cooperación cos pequenos e medianos concellos en todos os ámbitos de actuación desta deputación".
Estas afirmacións do presidente provincial concordan co anunciado a semana pasada na presentación dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2013, no que destacou que "se priorizará nos Servizos Sociais, no Medio Ambiente e a cooperación cos concellos". Estes serán os principais eixes nos que incidirá o esforzo investidor da institución provincial, nuns presupostos "realistas e centrados nos servizos propios", dixo Baltar, que ascenderán a 66.307.000 euros, un 6,64% menos que no ano 2012 (71.023.000 millóns de euros), debido á redución das achegas do Estado e da UE. É a primeira vez que a Deputación de Ourense destina máis de 10 millóns de euros de recursos propios a investimentos.