Últimos días para presentar os traballos para o "X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil"
As obras deberán enviarse á Deputación de Ourense antes do 20 de decembro e basearanse na obra gañadora do premio de narración "Por que está triste Miañas?".
Establécese un premio de 1.500 euros.
O vindeiro 20 de decembro remata o prazo para presentar os traballos para o "X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil", dotado con 1.500 euros, que organiza a Deputación de Ourense. Os ilustradores interesados en presentar as súas obras ao premio deberán envialas ao Rexistro Xeral da Deputación de Ourense, tomando como base o texto gañador deste premio na modalidade de narración: a obra "Por que está triste Miañas?", da escritora Ángela Fernández Rey. Os interesados poden solicitar na Deputación de Ourense o texto, que lles será remitido por correo electrónico.
O premio "Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil" ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.
O certame "Pura e Dora Vázquez" ten como finalidade principal servir de homenaxe a estas senlleiras poetisas ourensáns, que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos.
Ao premio de Ilustración poden concorrer todos os ilustradores de calquera nacionalidade que presenten ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, referidas ao texto premiado no apartado de narración.
Coas ilustracións, que se presentarán no seu conxunto baixo lema, achegarase en sobre pechado o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico do autor. O xurado estará formado polo presidente da Deputación de Ourense, ou persoa que designe oportunamente, e por catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o considere, e a Deputación de Ourense, como propietaria das obras, resérvase todos os dereitos de edición sobre as obras premiadas en todos os ámbitos e linguas do Estado.
Este ano a gañadora da modalidade de narración foi a escritora ourensá Ángela Fernández Rey pola obra "Por que está triste Miañas?", que foi elixida por unanimidade do xurado, que entende que a obra "fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos", e destacaou tamén "o áxil ritmo narrativo, cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil".