"PAZOLANDIA" converte un ano máis o Pazo dos Deportes de Ourense no maior parque de atraccións de Galicia
A Deputación de Ourense programa dez días de actividades de lecer para miles de nenos de toda a provincia, entre o 25 de decembro e o 4 de xaneiro
Un ano máis, a Deputación de Ourense organiza e patrocina PAZOLANDIA, o evento infantil que cada ano converte o Pazo dos Deportes "Paco Paz" no maior parque estacional de atraccións de Galicia, coa presenza de miles de nenos e xoves durante as datas de Nadal.
Hoxe tivo lugar no "Paco Paz" a presentación da edición 2012 deste evento -que se celebra ininterrompidamente desde o ano 1993-, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director do Pazo dos Deportes, Ángel Cid, e o coordinador de Pazolandia, José Domarco.
PAZOLANDIA abrirá as súas portas desde o día 25 de decembro ata o 4 de xaneiro, dez días nos que se agarda que uns 20.000 nenos visiten o Pazo dos Deportes para gozar de actividades de lecer, obradoiros e atraccións, repartidos nos preto de 8.000 metros cadrados de espazos, de interior e exterior, que dedica o pavillón a esta actividade.
Manuel Baltar destacou o "importante esforzo económico" que fai a Deputación de Ourense este ano "para que os nenos de Ourense poidan ter, como ben merecen, estas sinaladas actividades de ocio no nadal", e engadiu que a atención á infancia "é unha prioridade para a Deputación de Ourense e, a pesares da difícil situación que estamos a vivir, este esforzo polos nosos nenos e xoves sempre paga a pena".
Baltar destacou que este ano o orzamento de Pazolandia redúcese nun 20% -pasa de 100.000 euros a 80.000 euros-, un axuste que afecta principalmente a aspectos como as tarifas das atraccións, á publicidade e á decoración, pero que non afecta á calidade do programa. Tampouco se incrementa o prezo das entradas, que se "conxela" mantendo o mesmo prezo do ano pasado: 4 euros, sendo gratuíta para os nenos pertencentes a centros de acollida e a entidades de carácter benéfico.
Ata este momento, xa son máis de 50 os concellos da provincia de Ourense que confirmaron a asistencia de nenos deses municipios a Pazolandia. Estímase que uns 5.000 nenos do rural ourensán asistirán este ano a Pazolandia. Asemade, cabe destacar o acordo acadado entre o presidente da Deputación e o alcalde de Ourense para contar este ano co apoio da Policía Local para o dispositivo de control de accesos ás inmediacións do Pazo dos Deportes, unha colaboración que Manuel Baltar saúda favorablemente e agradece.
A pesares dos difíciles tempos que a sociedade está a padecer, a Deputación de Ourense considera que as actividades vencelladas aos máis pequenos son, xunto cos servizos sociais, as que menos se deben ver afectadas pola crise. Por este motivo, e fiel a súa tradición dende fai dúas décadas, PAZOLANDIA volverá este Nadal a abrir ás portas á ilusión dos máis novos.
O parque contará con atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación, simulador en 3D, ludotecas, multiespazo de videoxogos, ciberespazo de Internet, hinchables e pista de esquí, entre outras actividades. En todas elas, xunto coa organización e coordinación do evento, traballarán ao redor dunas cen persoas entre persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, persoal da Cruz Vermella, médicos, vixiantes e persoal administrativo.