Baltar reúnese con traballadores do Parador de Santo Estevo e defende que se manteña operativo durante todo o ano
- O presidente da Deputación de Ourense explicoulle as xestións realizadas diante de Paradores "pois o de Santo Estevo é o terceiro máis rendible dos Paradores que hai en Galicia".
- Manuel Baltar amosou o "firme apoio" da Deputación e informou de que o Grupo de goberno do PP na institución provincial presentou unha moción pola defensa dos Paradores de Verín e Santo Estevo e do mantemento da súa actividade.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión con traballadores do Parador de Santo Estevo e máis co alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente, para amosarlle "todo o seu apoio e o do goberno provincial que permitan atopar vías de solución á problemática plantexada".
Neste sentido, Baltar informoulles das xestións realizadas diante de Paradores e a súa confianza en atopar unha solución a esta problemática. Tamén lles trasladou información sobre a moción que presentou días pasados o Grupo de Goberno do PP na institución provincial pola defensa dos Paradores de Verín e Santo estevo e polo mantemento da súa actividade ao longo de todo o ano.
Por parte dos traballadores, na reunión estiveron presentes Jorge Álvarez Alonso e José Luis Debasa, quen, acompañados polo alcalde de Nogueira de Ramuín, explicaron a Manuel Baltar a situación de incerteza na que se atopan os empregados do Parador, ante o cal, Baltar comprometeuse a seguir realizando todas as xestións posibles "para que a crise e este problema social e laboral afecte o menos posible ao terceiro dos paradores máis rendibles dos que hai en Galicia, que é o de Santo Estevo".
Baltar explicou que na moción que o PP levará ao próximo pleno ínstase á sociedade "Paradores de Turismo" e ás administracións competentes a que fagan todos os esforzos posibles para acadar acordos que permitan o mantemento da actividade dos paradores de Verín e Santo Estevo, "para que a provincia de Ourense poida seguir contando con estas infraestruturas turísticas que supoñen un polo de atracción de visitantes ao longo de todo o ano".
Asemade, na moción tamén se insta a "Paradores de Turismo" a que poña en marcha os cambios necesarios para mellorar a rendibilidade dos paradores de Verín e Santo Estevo, "con fin de garantir a continuidade da súa actividade económica e turística ao longo de todo o ano".