Récord de participantes no "Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil" que convoca a Deputación de Ourense

Compartir

  • Nesta edición do certame presentáronse 51 obras baseadas no texto gañador do premio de narración "Por que está triste Miañas?"

A X edición do "Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil" ven de acadar o récord de participación de todas as edicións celebradas ata o momento. O pasado día 20 rematou a data para a presentación de traballos e contabilízanse 51 obras presentadas, baseadas no texto gañador do premio de narración "Por que está triste Miañas?", da escritora Ángela Fernández Rey.

Os traballos de ilustración, presentados en diferentes formatos e estilos artísticos, serán avaliados polo xurado do premio, que se reunirá na primeira quincena do vindeiro mes de xaneiro para fallar a obra gañadora. A pesares da redución na dotación económica que experimentou este ano o galardón –que pasa dos 3.000 euros aos 1.500 euros- incrementouse notablemente o interese dos creadores por participar nun dos máis prestixiosos certames literario-artístico de Galicia, dirixido ao público infantil e xuvenil, que leva o nome das nomeadas escritoras e poetisas ourensás Pura e Dora Vázquez, que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos

O premio "Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil" ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.

Este ano a gañadora da modalidade de narración foi a escritora ourensá Ángela Fernández Rey pola obra "Por que está triste Miañas?", elixida por unanimidade do xurado, que entende que a obra "fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos", e destacou tamén "o áxil ritmo narrativo, cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil".

O xurado subliña ademais o enfoque narrador da obra, "que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano", e sinala "que pon en valor o xénero literario da fábula".