Javier Pastor gaña o X premio "Pura e Dora Vázquez de Ilustración"
- O xurado elixiu por unanimidade a obra do ilustrador barcelonés, que destaca pola súa forza visual e un uso moi expresivo do collage e do cromatismo.
- A esta edición presentáronse 60 obras, récord de participación do certame, procedentes de Galicia, Andalucía, Cataluña, Madrid, Navarra, Valencia, Baleares, País Vasco, Portugal, Arxentina e Italia.
O ilustrador Javier Pastor Díaz (Barcelona, 1974) foi o gañador da X edición do premio "Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil", que convoca a Deputación de Ourense, dotado con 1.500 euros.
O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", destacou da obra premiada "a súa forza visual" e o "uso moi expresivo do collage dixital". Asemade, valora sinaladamente que se trata dunha "composición con gran dinamismo", axeitada para o segmento de idade ao que vai dirixida a narración, e tamén subliña a "modernidade e o cromatismo da ilustración", a cal, "reforza e potencia o texto, conformando un conxunto agarimoso, moi axeitado para o público infantil".
O xurado -que adoptou por unanimidade a súa decisión-, estivo presidido polo deputado de Cultura da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e integrado polos vogais: Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense; Carlos Costoya, pintor; os ilustradores David Rubín e Xoán G. Baltar, e pola gañadora na modalidade de narración, Ángela Fernández Rey. Como secretario actuou o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando R. Méndez.
Javier Pastor Díaz naceu en Barcelona aínda que ten raíces galegas. É licenciado en Historia do Arte pola Universidade de Barcelona e profesionalmente traballa como ilustrador, profesión á que leva dedicado máis de dez anos.
O certame "Pura e Dora Vázquez" acadou este ano un récord de participación de todas as edicións celebradas ata o momento, con 60 obras rexistradas, procedentes de Galicia, Andalucía, Cataluña, Madrid, País Vasco, Navarra, Valencia, Baleares, Portugal, Arxentina e Italia
Os traballos de ilustración, de diferentes estilos e temáticas, baséanse no texto gañador do premio de narración "Por que está triste Miañas?", da escritora Ángela Fernández Rey.
A pesares da redución na dotación económica que experimentou este ano o galardón –que pasa dos 3.000 euros aos 1.500 euros- incrementouse notablemente o interese dos creadores por participar nun dos máis prestixiosos certames literario-artístico de Galicia, dirixido ao público infantil e xuvenil, que leva o nome das nomeadas escritoras e poetisas ourensás Pura e Dora Vázquez, que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos
O premio "Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil" ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.