Manuel Baltar afirma que a colaboración entre as administracións ten un gran beneficiario: o cidadán

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense e o alcalde de Ourense analizaron hoxe na súa primeira reunión oficial a cooperación en ámbitos culturais, sociais, turísticos e de infraestruturas.

"Colaboración e coordinación", estas foron as palabras máis empregadas hoxe polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e polo alcalde de Ourense, Agustín Fernández, na primeira reunión oficial entre ámbolos dous dirixentes, que tivo lugar no Pazo Provincial ourensán. Esta primeira visita responde á solicitude realizada polo rexedor da capital, á primeira que mantén Manuel Baltar co alcalde de Ourense dende que asumira o cargo de titular da Deputación de Ourense. Entre os temas que ámbolos dous dirixentes abordaron figuraron cuestións en materia cultural e turística, e temas sociais, de urbanismo e de infraestruturas, como o AVE, os centros de saúde, o Padroado de Turismo e o Festival de Cine.

Manuel Baltar dixo que "a máxima" da Deputación de Ourense "é a cooperación con todos os concellos da provincia, en especial cos menores de 20.000 habitantes, que son todos agás a capital", e lembrou que na cidade de Ourense a Deputación conta coa maior infraestrutura deportiva, o Pazo dos Deportes "Paco Paz", o Teatro Principal e o Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

"A colaboración debe presidir as relacións entre as institucións –afirmou Manuel Baltar-, porque esa colaboración ten un gran beneficiario que é o cidadán, porque se colaboramos e traballamos coordinadamente entre as administracións poderemos darlles ás veciñas e veciños máis e mellores servizos". Baltar destacou o ambiente de cordialidade no que se desenvolveu esta primeira xuntanza "sen cuestións partidistas polo medio, e centrándonos nos intereses comúns para os cidadáns".