A Deputación de Ourense, a primeira en poñer en marcha un plan provincial de servizos sociais en 2013

Compartir

  • O pleno da corporación someterá a aprobación mañá a primeira parte do Plan "BenOurense 2013", referido á cooperación cos concellos a través do cofinanciamento para axuda no fogar, persoal técnico e asistencia técnica e xurídica.

A Deputación de Ourense é a primeira institución provincial de Galicia que porá en marcha un plan provincial de servizos sociais en 2013, "BenOurense", sendo tamén a única que ten desenvolvido durante dous anos seguidos esta iniciativa, cuxo obxectivo é levar a cabo accións de axuda no fogar, teleasistencia, emprego, formación, acción social e envellecemento activo, dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, 91 dos 92 municipios da provincia de Ourense, todos agás a capital ourensá.

As bases reguladoras da primeira parte do Plan BenOurense 2013 someteranse mañá a aprobación na sesión plenaria da corporación provincial, unhas bases que inclúen asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos e mancomunidades en materia de servizos sociais comunitarios para o exercicio 2013. A finalidade do plan é a cooperación cos concellos da provincia de Ourense en materia de Servizos Socias, algo que o goberno provincial quere seguir potenciando con esta iniciativa.

Entre as novidades deste ano do Plan BenOurense 2013 cabe salientar o maior peso relativo na cofinanciación os servicios municipais de axuda no fogar, partida orzamentaria que sube un 12,5% con respecto o ano anterior, co obxectivo de focalizar máis os orzamentos na atención directa as persoas.

A distribución dos fondos do Plan BenOurense farase con criterios matemáticos e de obxectividade, e en función do tamaño de cada concello e da área xeográfica na que se encontra, tal e como determina a lexislación.O Plan de Servizos Sociais "BenOurense" responde ao compromiso e á responsabilidade institucional da Deputación de Ourense que considera que os servizos sociais son o sistema axeitado por excelencia para dar resposta ás necesidades sociais básicas dos cidadáns, para acadar altos índices de benestar social garantindo a igualdade de oportunidades no acceso a calidade de vida e a participación social da poboación.

Trala aprobación mañá por parte do pleno da Deputación desta primeira parte do Plan BenOurense, correspondente á cooperación cos concellos, virá a segunda e terceira fase, referidas ao plan de emprego, ás axudas para entidades sociais e á teleasistencia, co que se completarán as accións que ao longo de 2013 levará a cabo a Deputación de Ourense en materia de Servizos Sociais na provincia de Ourense.

As áreas de BenOurense 2013

O plan BenOurense 2013 estruturarase en catro áreas: a primeira refírese a "Equipos profesionais de servizos sociais", no que se recolle a estrutura técnica básica dos servizos sociais, tanto para os que prestan servizos nos concellos/mancomunidades como o equipo técnico provincial. A segunda área é a de "Servizos Sociais no Fogar", un servizo básico para a mellora da autonomía das persoas e o favorecemento da calidade de vida da poboación.

A terceira área refírese ao "Plan de emprego de servizos sociais", que da resposta en gran medida á necesidade de reforzar os recursos humanos que en cada concello prestan atención domiciliaria. Con elo quérese incrementar o número de unidades de convivencia atendidas para mellorar a prestación deste servizo. Nesta busca da calidade asistencial, o plan de formación diríxese cara á profesionalización das persoas que desexan dedicarse ao coidado das persoas.

Finalmente, a cuarta área engloba aos "Programas de iniciativa social", que atinxe ao espírito aberto e solidario do plan, dando entrada a sociedade civil para promover sinerxias de colaboración e cooperación que se traduzan en máis e mellores programas socias e permitan dar cobertura a grupos ou necesidades que non poden ser atendidos polos recursos básicos.