Acordos do pleno da Deputación de Ourense de data 25 de xaneiro de 2013

Compartir

-Aprobación das Bases reguladoras do Programa Provincial de Asistencia Técnica, Económica e Xurídica ós Concellos e Mancomunidades en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2013.

O obxecto do Programa cínguese á programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica ós concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Para estes efectos, inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais con menos de 20.000 habitantes, ó tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles.

O presente Programa Provincial desenvolve especificamente as actuacións I e II do Plan BenOurense de Servizos Sociais, con incidencia ademais na actuación V do dito plan estratéxico, desenvolvendo de xeito detallado e operativo as súas previsións xerais.

-Denuncia do convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de colaboración na creación da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Antonio Failde de Ourense.

Acadase o seguinte acordo:

Denuncia-lo convenio de 1 de outubro de 1986, modificado o 1 de outubro de 1998, subscrito entre a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, para a creación da actual Escola de Artes e Oficios Antonio Failde, co obxecto de que con efectos do 1 de febreiro de 2014 o dito convenio quede extinguido.

- Delegación na Deputación Provincial do exercicio das competencias do Concello de San Amaro en materia de recadación do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

Acadase o seguinte acordo:

Acepta-la delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de San Amaro ten atribuídas en materia de recadación do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

-Convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello da Pobra de Trives para liquidación e pagamento das débedas existentes entre ámbalas dúas entidades locais.

Acadase o seguinte acordo:

Aproba-la subscrición do convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello da Pobra de Trives, para a liquidación e pagamento das débedas existentes entre ámbalas dúas entidades locais.

Deléganse na Deputación Provincial de Ourense as facultades que o Concello da Pobra de Trives ten atribuídas en materia de xestión tributaria nos impostos de bens inmobles (IBI), actividades económicas (IAE), vehículos de tracción mecánica (IVTM), e nas taxas de recollida de lixo, abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais, e da recadación dos devanditos tributos, así como das actuacións pendentes dos últimos catro anos, e non prescritas, sobre os ditos tributos.

-Convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Avión para liquidación e pagamento das débedas existentes entre ámbalas dúas entidades locais.

Acadase o seguinte acordo:

Aproba-la subscrición do convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Avión, para a liquidación e pagamento das débedas existentes entre ámbalas dúas entidades locais.

-Moción do Grupo Popular contra a supresión do servizo ferroviario entre Ourense e Puebla de Sanabria.

Acadase o seguinte acordo: "A Deputación de Ourense:

1- Manifesta a súa preocupación e o rexeitamento ante a decisión de suprimir o servizo ferroviario entre Ourense e Puebla de Sanabria.

2- Insta ao Ministerio de Fomento a que reconsidere esa medida e manteña a operatividade da conexión por ferrocarril entre Ourense e Puebla de Sanabria, evitando así a perda dese servizo público esencial de transporte para os concellos da provincia polos que transcorre."

3- Instar á Xunta de Galiza a que demande do Estado a efectivización do acordo unánime do parlamento Galego, de 1995, que demandaba un plan de investimentos e defendía a modernización da rede interior de Galiza e o aumento das frecuencias e calidade do servizo.

4- Buscar colaboración das Comunidades Autónomad de Galicia e Castela León, Deputacións de Ourense e Zamora, así como doutras administracións para manter unha boa oferta de transporte público de viaxeiros, con horarios e tarifas adecuadas, ademais de levar a cabo unha campaña de promoción do uso do tren convencional.

-Aprobación inicial do proxecto de expropiación forzosa por taxación conxunta para a execución da obra de beirarrúas na Castellana e ensanche camiño Farixa, n.º 70/PB/2012, no municipio de San Cibrao das Viñas.

-Moción autovía Ourense-Ponferrada A-76.

Acadase o seguinte acordo:

"A Deputación de Ourense

1-Reivindica a importancia do proxecto de autovía Ourense-Ponferrada A-76, actuación de gran transcendencia para a vertebración de Galicia, sendo sensible ás demandas dos concellos e organizacións que a demandan.

2-Insta a Xunta de Galicia a que demande do Ministerio de Fomento o seu compromiso firme e inequívoco para a execución desta autovía.

3-Insta ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a que acelere os traballos de redacción da Declaración de Impacto Ambiental deste proxecto da A-76, para posibilitar a aprobación definitiva do estudo informativo da autovía.

4-Insta ao Ministerio de Fomento, unha vez cumprimentado o punto terceiro deste acordo, a que licite a redacción dalgún dos proxectos dos tramos en que se divida a autovía.

5-Demanda ao Ministerio de Fomento a rápida continuación dos traballos de rehabilitación estrutural e recuperación do firme na N-120 e na N-536, cuxo proxecto obra en poder da Demarcación de Estradas do Estado en Ourense."