A Deputación de Ourense convoca as Bolsas Internacionais 2013 para titulados universitarios
Nesta primeira convocatoria ofértanse 45 bolsas, que chegarán a 160 ao longo do ano, o que supón que esta é a edición con maior número de bolsas ofertadas.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras da primeira convocatoria de Bolsas Internacionais 2013 para titulados universitarios, no marco do programa europeo Leonardo da Vinci. Nesta primeira convocatoria serán 45 as bolsas individuais ofertadas, que chegarán a 160 ao longo deste ano (a edición con maior número de bolsas ofertadas). Concederanse para estancias e prácticas laborais en empresas da Unión Europea, preferentemente en Reino Unido e Portugal. O obxectivo é apoiar aos participantes nas actividades de formación para a adquisición de coñecementos, competencias e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e profesional.
A finalidade tamén é facilitar a mobilidade dos traballadores en Europa, promovendo e desenvolvendo prácticas innovadoras e a súa transferencia entre os países participantes, fomentando así a perfeccionamento de linguas estranxeiras.
Poderán ser beneficiarios deste programa de bolsas internacionais os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos: posuír titulación universitaria oficial de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñería, enxeñería técnica, arquitectura, arquitectura técnica acreditada por universidades españolas ou recoñecidas polo Ministerio de Educación, ou estar en condición de obter a titulación na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Ademais é requisito que a dita titulación se obtivese nos cinco anos inmediatamente anteriores á data do ano da convocatoria deste concurso, e posuír coñecemento de portugués e/ou inglés cun nivel suficiente para desenvolver unha práctica laboral axeitada ao seu grao de formación académica. Xunto a isto requírese tamén posuír coñecementos de informática a nivel de usuario e non ter gozado anteriormente dunha bolsa do programa Leonardo da Vinci do grupo obxectivo: persoas no mercado laboral.
O financiamento das bolsas provén das achegas da Unión Europea, do Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos e da Deputación de Ourense, ascendendo a un importe de 200.000 euros.
Valoración
O formulario de solicitude de bolsas poderase obter e cubrir na aplicación informática: http://becasinternacionais.depourense.es. Ademais dos requisitos necesarios valorarase o estar empadroado nalgún dos 92 concellos da provincia de Ourense e ter obtido o título académico no Campus de Ourense (Universidade de Vigo) ou no centro asociado da UNED en Ourense.
Considéranse gastos cubertos pola bolsa o custo do desprazamento de ida e volta, preferentemente en avión; as prácticas laborais na empresa seleccionada; a titoría das prácticas laborais; un curso de inmersión lingüística; un seguro de enfermidade, e unha dotación mensual que consistirá no aboamento de axuda para custos de aloxamento e/ou manutención. A duración das estadías dos bolseiros no estranxeiro será dun máximo de 14 semanas.
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. As probas de lingua estranxeira (inglés e portugués) realizaranse os días 25, 26, 27 e 28 de febreiro de 2013, e as entrevistas persoais entre os días 4 e 8 de marzo de 2013. A comunicación do lugar e as horas para a realización das ditas probas farase mediante o seu anuncio na sede electrónica da Deputación de Ourense (http://portelo.depourense.es).