Manuel Baltar destaca na súa visita a Santa Comba de Bande a importancia da colaboración institucional "para preservar o patrimonio histórico-artístico de Ourense"
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na súa visita á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande e ao Centro de Interpretación Aquae Querquennae de Porto Quintela, que a colaboración institucional e a cooperación cos concellos "é de máxima importancia para que poidamos manter o gran patrimonio histórico, artístico e relixioso que temos na provincia de Ourense". Baltar realizou a visita institucional xunto co bispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos, e co alcalde de Bande, José Antonio Armada, aos que acompañaron concelleiros do municipio de Bande e representantes de asociación veciñais e culturais.
O presidente provincial subliñou que Santa Comba "é unha xoia arquitectónica relixiosa, declarada Monumento Nacional en 1921, que temos que seguir poñendo en valor", e neste senso, anunciou os proxectos de mellora que a Deputación de Ourense vai acometer para ampliar a estrada de acceso ao templo, que pasará a ter un ancho de sete metros, e deu conta do proxecto que acometerá a institución provincial xunto co Concello de Bande para acondicionar o entorno da igrexa, coa colocación de pavimento empedrado e iluminación. Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense leva investidos máis 1,5 millóns de euros nos últimos catro anos no municipio de Bande, "unha mostra máis da cooperación e asistencia que a institución provincial mantén cos concellos da provincia".
Pola súa banda, o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, afirmou que a igrexa de Santa Comba "é a demostración do cristianismo nesta zona. Cando non existía Compostela xa existía San Torcuato de Santa Comba, e aquí constrúese un lugar de culto que se converteu en expoñente de cultura".
Finalmente, o alcalde de Bande, José Antonio Armada, agradeceu a todos pero especialmente aos veciños de Santa Comba "porque grazas a eles foi posible manter ao longo dos séculos esta xoia arquitectónica", e destacou que a preservación do patrimonio da bisbarra "é un traballo conxunto de todos que da o seu froito cando nos achegamos a admirar edificios senlleiros como é este templo".
Trala visita a Santa Comba, as autoridades visitaron o Centro de Interpretación Aquae Querquennae, en Porto Quintela, para coñecer a magnífica exposición sobre a historia, a construción e a vida social das vías e os asentamentos romanos que ao longo dos séculos marcaron cunha singularidade especial estas terra da Baixa Limia e situárona como referente nas rutas do comercio e da peregrinaxe.