Deputación e Centro Comercial Aberto estudan fórmulas para potenciar a actividade do comercio en Ourense

Compartir

  • Asinarán un convenio de colaboración para desenvolver actividades que favorezan a promoción do pequeno comercio poñendo en valor a tradición e a innovación.

Poñer en valor a tradición do pequeno comercio, potenciar as súa identidade e conxugar a innovación co trato personalizado son os obxectivos comúns que acordaron hoxe a Deputación de Ourense e o Centro Comercial Aberto na reunión que mantivo o presidente da institución provincial, Manuel Baltar, na visita que realizou ás instalacións do Centro Comercial Aberto de Ourense, convidado polo seu novo presidente, Luis Rivero, e a súa xunta directiva, para coñecer as novas liñas de actuación da organización e buscar posibles acordos de colaboración entre ámbalas dúas institucións.

Manuel Baltar agradeceu o convite e amosou "a total colaboración" por parte do ente provincial "en favor dun sector tan importante na nosa provincia como é o comercio", do que dixo "temos que achegar recursos para potencialo e contribuír entre todos a enriquecelo, porque nos difíciles tempos que estamos a vivir é de xustiza recoñecer o traballo que fai o Centro Comercial Aberto por situar ao comercio de Ourense no lugar que se merece, tanto no que atinxe ao emprego como á calidade dos produtos quer ofrece".

Baltar cualificou ao Centro Comercial Aberto como "un gran exemplo de iniciativas e sinerxias, onde se leva traballado con ilusión para facer un Ourense con mellores condicións de vida para os consumidores".

Neste senso, Manuel Baltar e Luis Rivero anunciaron que en datas próximas a Deputación de Ourense e o Centro Comercial Aberto asinarán un convenio de colaboración de ámbito económico e de cesión de recursos da propia Deputación, entre os que poden figurar o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" ou o Teatro Principal para a realización de actividades relacionadas coa promoción e difusión do pequeno comercio de Ourense, poñendo en valor a tradición e a innovación co obxectivo de que este sector aumente a súa competitividade e rendibilidade.