Manuel Baltar visita as estradas afectadas polas obras do AVE en Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou as estradas provinciais afectadas polas obras do tren de alta velocidade (AVE) na provincia de Ourense para coñecer o grao de deterioro que sofren as estradas e pistas polas que pasan os camións e maquinaria de gran tonelaxe que traballan nas obras de construción da infraestrutura ferroviaria.
O presidente provincial percorreu diferentes tramos entre os municipios de Baños de Molgas, Maceda, Xunqueira de Ambía, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Allariz, e Vilar de Barrio, para coñecer a situación e o grao de deterioro dalgúns tramos das seguintes estradas: OU-0102 (Xunqueira de Ambía-Polígono de San Cibrao), OU-0108 (Allariz-Maceda), OU-0109 (Baños de Molgas-Arnuide), OU-0515 (Pereiras-Taboadela), OU-1103 (Vilar de Barrio-Os Milagres) e OU-1102 (Xinzo-Vilar de Barrio).
Na provincia de Ourense hai tamén outras estradas de propiedade provincial que están afectadas polas obras do AVE, anque en menor medida, como son a OU-0111 (Xunqueira-Piñeira), OU-0110 (Xunqueira-Casasoá), OU-1052 (Cerdedelo-Estación de Prado), OU-1053 (Cerdedelo-Camba), OU-1002 (Campobecerros-Veiga de Nostre).
Dende a Deputación de Ourense estanse a avaliar os danos provocados nas estradas e a realizar unha labor de vixilancia nas devanditas estradas afectadas. Asemade, solicitouse unha ampliación de avais ás empresas, ademais de novos avais ós novos contratistas de ADIF, e solicitouse de ADIF un informe cos avais presentados polos seus contratistas e valoración de todos os custos de reparación de todas as estradas afectadas, para a súa aprobación.
Xunto a estas medidas, a Deputación de Ourense instalou sinalización de limitación de peso nalgunhas estradas debido á inhibición das empresas construtoras na solución dos problemas que teñen causado.