"Fondo de almario", diálogo plástico de tres mulleres, no Centro Cultural da Deputación de Ourense
"Fondo de almario" é o título da exposición que inaugurou no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense e que recolle a obra de tres artistas que xunguen a esta característica a de ser muller. Trátase de Anamusma, Cachito Álvarez e Zulema Sánchez. As tres mulleres, que manteñen unha fluida relación persoal, reflexionan sobre aspectos coma o erotismo, a ecoloxía e o medio ambiente ou a condición de xénero empregando a arte contemporánea como linguaxe.
Así, Anamusma –que ten no seu haber diversos proxectos alternativos para a comercialización da obra de arte- mantén a condición de muller como fío argumental do seu traballo, onde se poden ver vestidos-cortiza ou obxectos cotiáns con tratamentos sorpendentes. "O seu presente sólido anuncia inequívocamente éxitos nun futuro próximo, se é que queda alguén con criterio propio entre coleccionistas, galeristas e críticos", sinala Fernando Ferro no texto do catálogo da exposición.
Zulema Sánchez presenta pezas engañosas, cunha aparente e despreocupada sinxeleza que tratan aspectos cotiáns da vida. Fiestras, balcóns coa súa roupa tendida onde contrasta a dozura formal da súa obra coa rudeza dos materiais empregados ( madeiras DM, armaios, resinas industriais...).
Cachito Alvarez, a única ourensá, aposta pola reciclaxe e a moda como elementos de diálogo artístico, cos bolsos-retrato ou bolsos-reportaxe e instalacións empregando de maneira extraordinariamente plástica elementos como teas, cordas, fotografías, botóns ou obxectos domésticos que cobran unha nova vida nas súas mans de muller xenerosa e apaixoada.
Con esta mostra, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" abre unha serie de actividades adicadas á muller, quen será protagonista da súa programación ao longo do mes de marzo.