O informe do Observatorio Económico da Terra de Celanova destaca unha mellor evolución do paro nesta comarca
- A cabeceira de comarca é a que ofrece unha mellor evolución do paro desde o comezo da crise, situándose no 20,7.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), acompañados polo alcalde de Celanova, José Luis Ferro, presentaron o pasado xoves, 28 de febreiro, na Casa do Concello de Celanova as conclusións do Observatorio Económico Ourensán da comarca Terra de Celanova, unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social –enmarcada no Plan OURENSE 92- que puxo en marcha a Deputación de Ourense para coñecer a situación da provincia de Ourense e das súas comarcas.
As conclusións máis destacadas do informe no que atinxe a Celanova sinalan que, en relación ás vilas con maior número de habitantes da provincia de Ourense, Celanova é a que tivo unha mellor evolución do paro desde o comezo da crise, situándose no 20,7% entre 2008 e 2012. Malia todo, é unha das comarcas máis perxudicadas pola crise no que atinxe á perda de centros de traballo, situándose só por debaixo de Terra de Caldelas (10%). Nestes catro últimos anos a comarca de Terra de Celanova perdeu un 7,72% de unidades locais, pasando de 1.257 no ano 2007 a 1.160 no 2012.
Pola contra, hai dous concellos da Terra de Celanova que tiveron un gran crecemento en unidades locais neste período, trátase da Bola (14,9%) e Quintela de Leirado (16,7%). Sen embargo, é de salientar que a correlación entre crecemento das unidades locais e os bos datos de paro e afiliacións non se cumpre, xa que estes dous concellos destacan entre os municipios con maior perda de afiliacións e con maior incremento de paro rexistrado a nivel provincial.
O resto de concellos tamén perderon unidades locais. En Celanova, cabeceira de comarca, na que se concentran o 40,3% das empresas, o descenso de centros de traballo foi do 4,35%. Con menor perda só se atopa Pontedeva (-2,1%), e o resto de municipios superan á cabeceira de comarca: Gomesende (-9,8%), A Merca (-10,6%), Ramirás (-12,4%), Cartelle (-12,8%), Padrenda (-15,8%) e Verea (-29,6%).
Afiliacións á Seguridade Social
Coas únicas excepcións de Pontedeva (-4%) e Celanova (-8%), no resto de concellos da comarca da Terra de Celanova a perda de afiliacións á Seguridade Social superou o 10% no acumulado destes catro últimos anos. É a comarca na que baixou máis o número de afiliacións de toda a provincia. Entre 2008 e 2012 tivo unha perda do 12,7%, e no último ano, ata setembro de 2012, amosa o maior descenso intaranual, cunha baixada do 5,8%. A media da provincia de Ourense baixou un 3% e a de Galicia un 2,8%.
Por concellos, os maiores recortes na comarca desde o inicio da crise déronse en Pontedeva (4,1%), Celanova (8%), Padrenda (11,8%), A Merca (14,5%) e Verea (15,2%); e os peores comportamentos corresponden a Quintela de Leirado (28,5%), Gomesende (19,3%), Ramirás (17,2%), A Bola (15,8%) e Cartelle (15,6%).
Evolución do paro
Cun 20,7% de paro entre 2008 e 2012 a Terra de Celanova só era superada pola Baixa Limia. Esta situación cambiouse neste último ano pasando a ser a cuarta comarca con maior índice de paro, igualando a Valdeorras (13,7%), e só por debaixo de Terra de Caldelas (20,8%), Trives (20,7%) e Carballiño (13,8%). Sen embargo, entre as vilas máis poboadas da provincia no período 2008 e 2012 a mellor evolución do paro é de Celanova, cun 20,7%.
Por concellos o que mantén unha situación máis precaria é o da Merca, que entre 2008 e 2012 tivo unha taxa de paro do 47,5%, e só baixou ao 46% no último ano. O único concello que experimentou unha subida foi o de Ramirás, que pasou do 15,2% (2008-1012) ao 18,6% (2011-2012). Os mellores comportamentos corresponden a Padrenda (7,7%), Ramirás (15,2%), Cartelle (17,4%), Pontedeva (18,6%) e Verea (20,3%); e os peores rexistros a A Merca (47,5%), Quintela de Leirado (35,6%), Gomesende (25,5%), A Bola (21,1%) e Celanova (20,7%).
Na análise desgranada no último ano os concellos que conseguen maiores reducións de paro son os de Cartelle (5,4%), A Bola (7%), Padrenda (7,1%), Pontedeva (10,9%) e Verea (11,2%). Por contra as subidas interanuais máis fortes son as da Merca (46%), Quintela de Leirado (27,1%), Ramirás (18,6%), Gomesende (14,3%) e Celanova (12,2%).
Finalmente, en canto á especialización, se comparamos a porcentaxe de afiliacións nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta coa porcentaxe de afiliacións no total de sectores tecnolóxicos, observamos que entre os territorios máis especializados se encontra a Terra de Celanova, ademais de Allariz-Maceda, Ourense e A Limia. Todos eles se caracterizan porque posúen unha porcentaxe de afiliacións nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta-superior ao número de afiliacións no total de sectores tecnolóxicos.