A Deputación presenta o informe do Observatorio Económico Ourensán da comarca do Ribeiro
- Esta comarca é a terceira da provincia con menor subida porcentual do paro no último ano.
- O Ribeiro é a segunda comarca da provincia con maior nivel de especialización nos sectores manufactureiros de tecnoloxía.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), acompañados polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, presentaron hoxe no Centro Comarcal do Ribeiro, en Ribadavia, as conclusións do Observatorio Económico Ourensán da comarca do Ribeiro, unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social –enmarcada no Plan OURENSE 92- que puxo en marcha a Deputación de Ourense para coñecer a situación da provincia de Ourense e das súas comarcas.
En presenza de alcaldes, concelleiros e axentes sociais e económicos do Ribeiro, expuxéronse as conclusións máis destacadas do informe no que atinxe a esta comarca, subliñando que O Ribeiro é a terceira comarca da provincia de Ourense con menor subida porcentual do paro no último ano. O aumento cifrouse no 7,8%, 3,5 puntos porcentuais por debaixo da media provincial, e tres puntos menos que no conxunto de Galicia e de España.
Esa taxa de variación interanual inferior ao 8% só foi mellorada por Verín, onde o paro comarcal repuntou un 6,1%, e pola Baixa Limia, onde mesmo acurtouse nun 1,2%. Ao ampliar o período de análise a catro anos, entre 2008 e 2012, O Ribeiro aparece como a sexta comarca ourensá con menor incremento do número de parados. Nese catrienio de referencia acusou un aumento do 36,6%, neste caso moi por debaixo das medias da provincia de Ourense (43,8%), de Galicia (59%) e de España (71,5%).
No que atinxe á evolución do censo de centros de traballo, O Ribeiro presenta unha diminución do 4,5% durante a crise, ao pasar de 1.116 centros no ano 2007 a 1066 no 2011. Neste indicador foi a sétima comarca ourensá con mellor comportamento, por diante da Baixa Limia, Valdeorras, Viana, Terra de Celanova e Terra de Caldelas, que tiveron os descensos máis significativos.
Esa cifra superior ao millar de unidades locais de actividade tamén converte ao Ribeiro na sétima comarca en número de centros, asinando o 4,5% dos existentes no total da provincia.
No municipio de Ribadavia, a taxa de variación do período 2007-2011 da un descenso do 5,9%, aínda que conservando preto de 470 centros de traballo. Leiro conta con 106 e Cortegada con 88, tres máis que Carballeda de Avia.
Afiliacións á Seguridade Social
No conxunto dos sectores económicos, as afiliacións á Seguridade Social caeron no Ribeiro un 5,4% no 2012 e un 9,7% na comparativa 2008-2012. Ambas porcentaxes reflicten descensos lixeiramente superiores aos da media provincial. Por concellos, as menores caídas nas afiliacións durante a crise corresponden a Beade, cunha diminución do 3,1%; a Ribadavia, cun descenso do 5,1%; e a Cenlle, cunha baixada do 6,2%.
O Ribeiro tamén aporta o maior número de concellos ao ranking dos dez municipios ourensáns con mellor comportamento do paro rexistrado entre 2011 e 2012. Achega un total de tres concellos: Melón, cunha redución do 6,3% en taxa interanual; Avión, cunha baixada do 3,7%; e Arnoia, cun descenso do 1,8%.
Ademais, o rexistro de Melón é o terceiro máis salientable da provincia, só por detrás das baixadas logradas pola Teixeira e por Entrimo, co 23% e co 11% respectivamente. Mentres, no acumulado dos anos 2008 a 2012 hai un único concello do Ribeiro entre os dez da provincia con peor evolución do paro. É o caso de Cortegada, que no espazo de catro anos case duplicou a cifra municipal de parados.
Pola súa banda, a cabeceira de comarca, Ribadavia, presenta rexistros por debaixo da media provincial e das medias de Galicia e España, tanto na estatística do último ano como na do período 2008-2012. En Ribadavia o paro subiu o 8% en taxa interanual en 2012, e o 32,8% no acumulado dos catro últimos anos.
Especialización
O Ribeiro é a segunda comarca da provincia con maior nivel de especialización nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta, só por detrás do Carballiño, pero con vantaxe sobre a comarca de Ourense. Este indicador que mide o grao de especialización comarcal xurde da comparativa do número de afiliacións á Seguridade Social nos sectores das manufacturas de tecnoloxía media-alta con respecto do total dos sectores económicos.
As actividades manufactureiras de tecnoloxía media-alta abranguen a industria química, o material e equipamento eléctrico, a fabricación de maquinaria e equipamento, a automoción, a fabricación doutro material de transporte e a fabricación de instrumentos e fornecementos médicos e odontolóxicos.
Segundo o Observatorio Económico Ourensán, O Ribeiro foi unha das tres únicas comarcas da provincia onde creceron no último ano as afiliacións á Seguridade Social nos servizos de alta tecnoloxía ou tecnoloxía punta. O incremento cifrouse no 3,5%. As outras dúas subidas déronse en Viana (20%) e en Terra de Celanova (11%).
Entre os anos 2009 e 2012, o paro dos sectores de alta tecnoloxía aumentou no Ribeiro o 9,5%, o que significa o cuarto mellor comportamento do conxunto da provincia. Esa suave subida do paro na alta tecnoloxía foi posible grazas ao bo comportamento do último ano, xa que no 2012 rexistrouse un descenso do 23,3%, a maior caída provincial.