A Baixa Limia, única comarca ourensá que reduciu o paro interanual en 2012
- A Deputación de Ourense presentou en Bande os resultados do Observatorio Económico desta comarca.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), José Manuel Rodríguez, acompañados polo alcalde de Bande, José Antonio Armada, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello de Bande o Observatorio Económico Ourensán da Comarca da Baixa Limia, que abrangue os concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.
As conclusións máis destacadas do informe reflicten que o repunte do paro xeralizouse en 2012 no conxunto da provincia de Ourense, agás na comarca da Baixa Limia, que foi a única con redución do número de desempregados. A taxa de variación interanual acadou o 1,2% de descenso, en contraste co 11,2% de incremento provincial, co 10,6% autonómico ou co 10,8% estatal.
Esta comarca tamén fixa o mellor rexistro no período acumulado entre 2008 e 2012, ao limitar o incremento ao 9%, a pesares dos efectos da crise económica. Na segunda comarca con mellor comportamento do paro, a veciña Terra de Celanova, a taxa acumulada superou o 20%. Con esa variación do 9% a catro anos, A Baixa Limia divide por cinco a taxa de variación media da provincia de Ourense, que ascendeu ao 44%, e divide por oito o incremento medio de España, situado en preto do 72%.
Por municipios, o paro baixou no último ano en dous municipios da comarca: Entrimo e Muíños. Pero a estatística de Bande resulta aínda máis salientable, xa que conserva o signo negativo ao longo do período 2008-2012. Só outros dous concellos da provincia, A Teixeira e Vilar de Barrio, desafiaron a crise reducindo o número de parados, aínda que a estatística de Bande acada máis valor porque ese municipio conta cunha bolsa de paro máis grande.
Envellecemento poboacional
Sen embargo, as afiliacións non presentan na Baixa Limia unha evolución tan positiva como a do paro rexistrado. Por efecto do envellecemento poboacional e do reducido censo de poboación activa, esta comarca foi a segunda con maior descenso de afiliados entre 2008 e 2012, e a quinta con peor rexistro interanual en 2012.
Aínda así, ambos descensos non estiveron lonxe dos valores medios de Galicia. No último ano A Baixa Limia perdeu o 3,7% das afiliacións e o conxunto de Galicia o 2,8%. E no acumulado 2008-2012 cedeu o 10,8%, fronte ao 8,3% do total galego.
Por municipios, destaca o caso de Muíños, onde as afiliacións subiron o 1,5% en 2012, mentres que Lobios e Bande acoutaron as reducións na contorna do 3%. Mentres, na comparativa 2008-2012 os menores descensos municipais corresponden a Entrimo, cunha baixada do 4%; e á propia cabeceira de comarca, Bande, cun recorte do 8,6%.
Centros de traballo
Na evolución do censo de centros de traballo durante a crise, A Baixa Limia presenta a quinta evolución máis feble da provincia. Cunha perda do 5,1% das unidades locais de actividade entre os anos 2007 e 2011, só supera no ranking provincial a Valdeorras, Viana, Terra de Celanova e Terra de Caldelas.
Con todo, dous concellos da Baixa Limia figuran entre os vinte que presentan os maiores incrementos de centros de traballo nese período de análise. Muíños ocupa a novena posición provincial, cun aumento do 8,2% desde o inicio da crise, e Lobeira figura no undécimo posto, cun alza do 7,1%.
No lado oposto, Bande aparece como a segunda cabeceira de comarca con maior perda de unidades locais, ao ceder o 12,8% entre os anos 2007 e 2011, só por diante de Castro Caldelas, onde caeron nun 15,3%.
Cabe matizar que nas comarcas con censos de poboación máis cativos, como A Baixa Limia e Caldelas, pesan máis os factores demográficos que os efectos da crise á hora de explicar os peches de establecementos. Ademais, os propios condicionantes do envellecemento poboacional e da escaseza de traballadores activos diminúen as posibilidades de compensar os peches co nacemento de novas empresas e sociedades.
A Baixa Limia é a única comarca da provincia na que diminuíu o paro dos sectores de alta tecnoloxía entre 2009 e 2012, segundo reflicte o Observatorio Económico Ourensán. Logrou un descenso do 20% neste rexistro de parados, se ben é certo que en zonas con baixo desenvolvemento tecnolóxico danse forte variacións porcentuais con pequenas oscilacións en termos absolutos. O propio Observatorio tamén recolle que A Baixa Limia presenta certos niveis de especialización nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta e media-alta, xa que polas dimensións do seu mercado laboral teríalle que corresponder aínda un número menor de afiliacións neses dous segmentos da tecnoloxía.