Declaración da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense no "Día Internacional da Muller"
O Día Internacional da Muller ten que servir como lembranza e conmemoración da igualdade dos dereitos entre homes e mulleres e a prol da erradicación de todas as formas de discriminación e violencia de xénero.
Debe ser tamén un pulo para establecer estratexias e traballar en favor da igualdade entre mulleres e homes como base para unha sociedade máis aberta, dialogante, plural e equilibrada, onde todos, sexan cales sexan os nosos condicionamentos humanos, sociais e ideolóxicos, teñamos perfecta cabida, como non pode ser doutra maneira.
Temos dado pasos importantes nos eidos da formación, da educación, da saúde..., pero iso non abonda, e nunca debemos caer no conformismo mentres existan ámbitos onde as disparidades entre homes e mulleres persistan, en sectores como o laboral, con desigualdades retributivas ou de infrarrepresentación feminina en postos de responsabilidade.
Como recolle a "Estratexia para a igualdade entre homes e mulleres 2010-2015" da Comisión Europea: "Para alcanzar os obxectivos da Europa 2020, é dicir, un crecemento intelixente, sostible e é necesario integrar todo o potencial das mulleres de maneira máis extensa e eficaz".
Dende a responsabilidade que desenvolve esta administración provincial tanto, directamente coa cidadanía como na súa función de apoio e cooperación aos concellos, asumimos o reto de que é preciso traballar coordinadamente para que se produza un cambio de mentalidade, que xa está a acontecer, para integrar a perspectiva de xénero en todas as políticas e acción que leven a cabo as administracións, dende a máis pequena a máis ampla, desenvolvendo proxectos que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes, e que promovan actitudes para combater a discriminación, o drama e a vergoña colectiva que supón a violencia de xénero.
Hoxe, 8 de marzo de 2013, xungamos esforzos para traballar xuntos e erradicar as desigualdades, co obxectivo de acadar entre todos unha verdadeira sociedade integradora.
Ourense, 8 de marzo de 2013.