O Club Marusia presenta o II Torneo Internacional Vila de Ribadavia e o clinic Charkashyna Training Day
- O evento, patrocinado pola Deputación Provincial de Ourense, terá lugar esta Semana Santa no Concello de Ribadavia
Ourense, 25 de marzo de 2013.- Na sala de xuntas do Pazo Provincial tivo lugar hoxe a presentación do clinic Charkashyna Training Day de ximnasia e do II Torneo Internacional Vila de Ribadavia, que terán lugar os días 29 e 30 de marzo no Pavillón Maquiáns e no Polideportivo Municipal de Ribadavia “O Consello”, respectivamente.
O Charkashyna Training Day vai dirixido á ximnastas e profesoras que poderán gozar dunha clase de ximnasia rítmica da man da flamante medalla de bronce olímpica 2012, Liubov Charkashyna. Ó longo da xornada realizaranse diferentes actividades que terán como punto culminante unha exhibición ás 20:00h na que tamén participarán membros da organización. Tal e como afirmou esta mañá Juan Abal Rodríguez, presidente do Club Marusia, “trátase dun acontecemento extraordinario para o mundo da ximnasia, pero que ademais supón un gran atractivo turístico para o Concello que conseguiu ocupar tódalas prazas hoteleiras do Ribeiro”.
Ó día seguinte, terá lugar a 2ª Edición do Torneo Vila de Ribadavia que se desenvolverá en xornada de mañá e de tarde. Durante a mañá, participarán ximnastas de Galicia, Asturias e Portugal nunha competición escolar en modalidade de conxuntos e nunha competición de promoción a nivel individual. Durante a sesión da tarde chegarán a participar máis de 50 ximnastas federados que realizarán ata 130 exercicios. Mención especial merece a presenza nesta xornada de 8 ximnastas procedentes da delegación eslovena e chilena. Segundo a propia adestradora e vicepresidenta do Club Marusia, Mª del Pilar Vázquez Cobelas, “estas actividades supoñen un aliciente para as ximnastas máis pequenas para que segan adestrándose no que realmente lles gusta”.
Juan Abal, aproveitou para “agradecer á Deputación Provincial de Ourense, o seu apoio incondicional desde o inicio do proxecto, e ó Concello de Ribadavia, sen a axuda dos cales xamais lograrían realizar un proxecto desta índole”. Pola súa parte, o asesor de deportes da Deputación, Bernardino González, quixo facer especial fincapé “na importancia que teñen estas actividades para os mozos de Ribadavia, ademais de que supón un incentivo para a economía do Concello que estes días se verá incrementada grazas ó desenvolvemento destas xornadas deportivas”.
Á presentación tamén acudiu o concelleiro de Cultura e Deportes do Concello de Ribadavia, José Prieto Pérez, que quixo destacar que “este tipo de acontecementos son os que fan que Ribadavia sexa coñecida internacionalmente”, por iso quixo agradecer a gran labor que o Club Marusia está a facer polo Concello.