Deputación de Ourense e Cámara de Comercio analizan liñas de colaboración para favorecer a actividade empresarial

Compartir

 

  • Manuel Baltar e Celso Barbosa estudaron establecer acordos no ámbito da internacionalización e no que atinxe ao Observatorio Económico Provincial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Celso Barbosa, reuníronse hoxe para analizar as posibilidades de colaboración entre ámbalas dúas entidades e fixar futuras vías de traballo conxunto en favor da actividade empresarial da provincia de Ourense. Na xuntanza participaron tamén os vicepresidentes da entidade cameral, Juan Carlos Parada e José Pérez Seara, e a secretaria, Victoria Rois.

Baltar e Barbosa concordaron en que os proxectos que está a desenvolver a Cámara de Comercio de Ourense poden complementarse coas iniciativas que no eido de promoción e apoio empresarial está a levar a cabo a Deputación de Ourense a través do Inorde, sinaladamente, iniciativas como a internacionalización e prospección de mercados. Baltar subliñou que outro dos ámbitos de colaboración que se tratou na reunión entre Deputación e Cámara é a realización do "Observatorio Económico Provincial" que puxo en marcha o ente provincial para coñecer a situación socio-económica da nosa provincia.

O presidente da Deputación destacou e recoñeceu o importante labor que realiza a Cámara, "da cal reivindicamos a súa continuidade e terá o noso apoio porque o seu traballo é a defensa do comercio e da industria, é algo no que todos nos debemos implicar, con unidade, esforzo e máxima eficacia na xestión".

Baltar afirmou que impulsar a internacionalización de empresas é unha alternativa a ter moi en conta actualmente, "polo que supón de pulo importante para que emprendedores e empresarios ourensáns poidan explorar novos mercados, nuns momentos críticos nos que tamén temos que saber aproveitar as oportunidades", oportunidades –engadiu- que pasan "por dinamizar as iniciativas empresariais locais coa busca de novos nichos de actividade, e sobre todo, nun momento onde a cooperación entre os emprendedores, as empresas e as administración é fulcral para fortalecer a nosa competitividade".