A Deputación de Ourense reduciu nun ano un 74% o gasto en telefonía móbil e un 80% o número de terminais
- Na reunión de hoxe do consello de Dirección aprobouse, dentro do Plan Provincial de Acceso Igualitario ao Deporte, a realización das xornadas "Espello Deportivo", dirixidas a escolares, nas que deportistas olímpicos e paralímpicos galegos sensibilizarán sobre os valores deportivos.
- O consello de Dirección analizou tamén o "Inventario de Vías Municipais" , un novo servizo de cooperación que a Deputación puxo a disposición dos concellos para realizar un inventario das estradas municipais.
A Deputación de Ourense reduciu nun ano un 74% o gasto en telefonía móbil e un 80% o número de terminais (pasando de 325 teléfonos a 67). Así se informou hoxe na xuntanza do consello de Dirección do ente provincial, na que se deu conta, asemade, de que o gasto medio mensual en telefonía móbil pasou de 9.000 euros a 2.400 euros, na actualidade. Esta medida, en opinión do presidente provincial, Manuel Baltar, "forma parte das iniciativas que a institución provincial está a levar a cabo para seguir incrementando a eficiencia na xestión, para que a optimización de recursos permita redimensionar o gasto e ser escrupulosos coas prioridades económicas da Deputación, para que os orzamentos do ente teñan a eficacia e os resultados que concellos e cidadáns merecen, pois é a eles a quen diriximos a nosa xestión".
Outros dos puntos da reunión do consello de Dirección foi a aprobación, dentro do Plan Provincial de Acceso Igualitario ao Deporte, incluído no Plan OURENSE 92, da realización dunhas xornadas denominadas "Espello Deportivo" -dirixidas a escolares da provincia de Ourense- que a Deputación de Ourense desenvolverá conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, para promover o galego e as prácticas saudables do deporte.
As xornadas contarán coa participación de deportistas galegos olímpicos e paralímpicos e terán lugar entre os meses de maio e xuño inicialmente en dez concellos da provincia, todos eles incluídos na Rede de dinamización lingüística: Bande, Barbadás, Celanova, Muíños, O Barco, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. Os medallistas galegos participantes son Chano Rodríguez Veloso, Sofía Prieto Puga e Juan Saavedra Reinaldo.
Finalmente, o consello de Dirección analizou o "Inventario de Vías Municipais", un novo servizo de cooperación que a Deputación de Ourense pon a disposición dos concellos para realizar un inventario das estradas municipais. Este proxecto forma parte dun convenio marco entre a Deputación e os concellos da provincia que, a custe cero para a institución provincial, permitirá actualizar a base de datos das estradas municipais. O primeiro dos informes realizados corresponde ao Concello de Manzaneda, que, segundo reflicte o informe, ten en total 29 estradas cunha lonxitude total de todas elas de 55,238 quilómetros.