Aser Álvarez gaña o Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2013

Compartir

  • O xurado ditaminou por unanimidade outorgar o galardón ao seu documental "100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro", destacando a innovación no tratamento informativo, "que abre novas portas ao xornalismo ao conxugar elementos informativos con técnicas e narrativa cinematográfica".

O xornalista ourensán Aser Álvarez é o gañador da edición 2013 do premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", dotado con 3.000 euros, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido nun accidente de tráfico.

Aser Álvarez foi premiado por unanimidade polo xurado, que ditaminou a súa resolución hoxe, na xuntanza que mantivo no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada a innovación no tratamento informativo, "xa que abre novas portas ao xornalismo ao conxugar elementos puramente informativos con técnicas e narrativa cinematográfica, o que contribúe a enriquecer a mensaxe".

Asemade o xurado subliña que o traballo premiado "inclúe novos aspectos e enfoques da vida de Celso Emilio Ferreiro, alternando a destacados persoeiros coa "voz do pobo" e xente anónima, o que potencia o carácter didáctico do documental, sen ser academicista, e dirixido a todo público". Finalmente, o xurado destaca que o traballo "ensalza aspectos fulcrais do Premio Carracedo como son a posta en valor da Ourensanía e da calidade informativa, premisa básica que sempre presidiu o labor profesional de Xosé Aurelio Carracedo".

Aser Álvarez é licenciado en Ciencias Políticas, ten un mestrado en xornalismo e é especialista en Comunicación Audiovisual. Actualmente desenvolve o seu labor profesional como director de Comunicación da Asociación de Empresarios de Hospedaxe e Restauración de Santiago de Compostela.

O xurado acordou facer mención a alta calidade de todos os traballos presentados e agradece os participantes por ter contribuído un ano máis a honrar a figura de Xosé Aurelio Carracedo ca participación no premio que leva o seu nome.

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Avelino García Ferradal, estivo integrado por Santiago Bande Cabido, Mariló Fernández Senra, Ángela Ramallo Varela e Luís Martínez-Risco Daviña, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando R. Méndez.

A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.