Manuel Baltar afirma que a Deputación de Ourense mantén o seu apoio aos afectados polas "preferentes" e pon á súa disposición os servizos xurídicos

Compartir

  • O presidente provincial reuniuse hoxe cos preferentistas no salón de plenos e aseguroulles que terán "atención personalizada e todo o asesoramento que necesiten".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, aseguroulles hoxe aos afectados polas participacións preferentes e subordinadas que a institución provincial cumpre y seguirá cumprindo o acordo adoptado polo pleno de manter o seu apoio aos preferentistas ofrecéndolles asesoramento xurídico sobre as cuestións relacionadas con este proceso. O presidente provincial reuniuse cos afectados no salón de plenos da institución provincial e aseguroulles que terán "atención personalizada e todo o asesoramento que necesiten por parte dos servizos xurídicos da Deputación de Ourense", destacando que ata o momento máis dunha decena de persoas se puxeron en contacto coa deputación para solicitar asesoramento.

"Estamos planificando un sistema de atención personalizado para atender aos afectados un día á semana, pero se é necesario poremos máis persoal dedicado a este tema, porque queremos que atopen canto antes unha solución ao seu grave problema", explicou Manuel Baltar.

Ademais, o presidente provincial comprometeuse a comunicar a todos os concellos da provincia de Ourense os días e horas de atención aos preferentistas para que os afectados que o desexen poidan acudir á deputación desde os diferentes puntos da provincia.

Manuel Baltar afirmoulles:" Poden estar seguros de que se vai cumprir o acordo plenario, e eu voume encargar persoalmente de que así sexa".