A Deputación de Ourense manterá o seu apoio ao COB e convida a outras administracións "a facer o mesmo"

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe co presidente do Club Ourense Baloncesto COB, Roberto Fernández Añel, e reafirmoulle "o compromiso que a institución provincial ten co COB, como accionista que é do club, compromiso que seguirá mantendo polo ben desta entidade deportiva e, en xeral, por seguir potenciando un deporte de grande interese para Ourense e os ourensáns".

Manuel Baltar dixo que, igual que a Deputación de Ourense referenda este apoio, "outras administracións deberían facer o mesmo, porque a camiseta que nos temos que poñer todos é a de Ourense e a do apoio ao deporte, e non enrocarnos en interese políticos nin partidistas". O presidente provincial dixo que temos que traballar para chegar a acordos que permitan aportar as solucións económicas necesarias para a pervivencia do COB, unha histórica entidade deportiva, "e a Deputación de Ourense, fiel á súa responsabilidade e ao seu compromiso histórico de apoio ao deporte provincial e, neste caso, como accionista do COB, comparte o que defende o presidente do COB que non é outro argumento que a defensa e o mantemento do club".

Manuel Baltar afirma que dada a situación que está atravesando o Club Ourense Baloncesto, "o consello de administración do COB debe actuar co máximo consenso e colaboración no tocante á busca de solucións económicas para acadar tanto no eido deportivo como de xestións as maiores cotas de éxito".