Xunta e Deputación de Ourense asinan un convenio para a mellora do vial principal do polígono de San Cibrao
- O orzamento da obra é de 120.000 euros e a Deputación de Ourense asumirá a explotación, mantemento e conservación.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron un convenio de colaboración entre ambas administracións para a mellora de firme na OU-0514, vial principal do polígono de San Cibrao das Viñas.
O obxecto do presente convenio é establecer as bases da colaboración técnica e económica entre a Axencia Galega de Infraestruturas e a Deputación de Ourense para o reforzo do firme na OU- 0514 vial principal do polígono, do pq 2+800 ao 3+310, no termo municipal de San Cibrao das Viñas.
O orzamento de execución destas obras centradas no reforzo do firme do vial estímase en 120.000 euros. Estas actuacións mellorarán a seguridade viaria dunha estrada moi transitada a diario. O Goberno galego, consciente da relevancia económica e social que supón este polígono, está a traballar na optimización dos accesos a esta infraestrutura industrial.
A Axencia Galega de Infraestruturas ten entre os seus obxectivos a mellora da rede viaria de Galicia, a ordenación do territorio e a súa cohesión, de xeito que se proporcione ás persoas usuarias unha rede eficaz, cómoda e segura, fomentando as relacións municipais e intermunicipais na procura e no fomento dun desenvolvemento harmónico.
A Xunta, en colaboración coa Deputación de Ourense, trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que aporte unha maior calidade de vida á cidadanía.
Obrigas
Por unha parte, a Deputación de Ourense deberá poñer a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas, de ser o caso, os terreos necesarios, libres de cargas e gravames, e co réxime urbanístico axeitado para a execución das obras, así como a reposición de servizos e servidumes afectados non incluídos no proxecto. Asumirá tamén a realización das xestións pertinentes ante os organismos que correspondan para a obtención dos permisos, licencias e autorizacións regulamentarias.
A Deputación de Ourense recibirá as obras executadas no prazo máximo dun mes dende o requirimento da Xunta de Galicia. Asumirá unha vez realizadas e logo da comunicación da Axencia Galega de Infraestruturas, a explotación, mantemento e conservación das obras e os seus servizos.
Por outra parte, A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicará e executará a obra obxecto deste convenio segundo o proxecto, destinando para iso unha achega de 120.000 euros.
Unha vez recibidas as obras, a AXI mediante comunicación formal, poñerao en coñecemento da entidade local. Esta data de comunicación é a que determina o nacemento da obriga asumida polo organismo local na cláusula segunda precedente, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan ao contratista derivadas do contrato de obra. Posteriormente, e no prazo de tres meses formalizarase a correspondente acta de entrega á entidade local.
Constituirase unha Comisión de Seguimento formada por dous representantes da Axencia Galega de Infraestruturas e dous da Deputación de Ourense. As súas funcións, entre outras, serán as seguintes: impulsar e avaliar o cumprimento do presente convenio; propoñer a interpretación, en caso de dúbida, do contido do presente convenio; e resolver posibles controversias que puideran xurdir na aplicación do convenio.