130 atletas participan na III Copa Deputación de Ourense de Triatlón e no campionato galego
Un total de 130 atletas participarán o vindeiro 12 de maio na III Copa Deputación de Ourense de Triatlón e no Campionato Galego desta especialidade, que se disputarán nos municipios de Avión, Castrelo de Miño e Leiro. Hoxe tivo lugar na sala de xuntas do Pazo Provincial a presentación deste evento, coa presenza de Francisco Villanueva, presidente da Federación Galega de Triatlón; Antonio Montero, alcalde de Avión; Maribel Rodríguez, concelleira de Deportes de Castrelo de Miño; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, e representantes do club organizador, Beariz Triatlón.
A proba, denominada Aviaman, está considerada como unha das máis duras de España polos grandes desniveis acumulados cos que conta no seu percorrido, a subida a tres portos e rampas de ata o 30%. Percorre os citados concellos atravesando paisaxes e viñedos, "o que lle engade a esta competición deportiva un interese de promoción turística para a comarca, segundo afirmou Bernardino González.