Manuel Baltar: "É o momento da "innovación democrática", onde a participación, o diálogo e a integridade institucional deben ser os protagonistas"
- O presidente da Deputación de Ourense dixo na inauguración da "II Xornada sobre o futuro das provincias" que a exemplaridade pública, a transparencia e a obxectividade son "demandas improrrogables que temos a obriga de atender".
- Destacou que o futuro das deputacións pasa polo seu redimensionamento, a asunción exclusiva de competencias propias e a súa transformación "en verdadeiras plataformas de servizos para os concellos".
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na inauguración da "II Xornada sobre o futuro das provincias" que este é o momento máis acaído para a "innovación democrática", "onde a participación, o diálogo e a integridade institucional deben ser os protagonistas", e engadiu que temos a obriga como gobernantes de atender "de maneira impostergable" as demandas dos cidadáns, "exercendo a exemplaridade pública, a obxectividade, a responsabilidade e a transparencia".
A xornada céntrase este ano no papel das deputacións provinciais no marco da reforma do goberno local. Neste senso, o presidente provincial destacou no seu discurso que o futuro das deputacións pasa polo seu redimensionamento, a asunción exclusiva de competencias propias e a súa transformación "en verdadeiras plataformas de servizos para os concellos". "Un bo goberno local promociona espazos de participación, de diálogo e de cooperación. Cooperación que é a palabra máxica, a máis importante, nesta era da intermunicipalidade", explicou.
Manuel Baltar subliñou que as institucións "son dos cidadáns", e os gobernantes "temos a obriga de implementar medidas continuadas de actualización para ofertar unha mellor xestión e a busca da excelencia na prestación do servizo público". E remarcou: "A crise actual está xerando reformas, como a que nos ocupa da Administración Local; convertamos, pois, esas reformas en oportunidades e adentrémonos na cultura da avaliación da eficiencia".
Baltar amosouse crítico, sen embargo, coa proposta de fixar topes máximos aos soldos dos representantes municipais. "Prefiro outro tipo de fórmulas como a de aprobar un baremo concreto e escalonado como referencia, tendo que xustificar diante da opinión pública a súa posición o concello que se apartara do mesmo".
Lexitimidade institucional
Pero se hai algo fulcral para Manuel Baltar na reforma da Administración Local é o necesario reforzo da "lexitimidade institucional das deputacións". Considera o presidente provincial que, aproveitando as súas potencialidades, "hai que dotalas de competencias propias dentro do principio xenérico de "unha administración, unha competencia". Todo dentro da máxima fundamental que debe ocupar a toda deputación: a asistencia e cooperación aos pequenos concellos".
"Cooperación como a que facemos na Deputación de Ourense en asuntos que xestionamos, previa delegación de competencias municipais, suplindo o escaso músculo financeiro e funcionarial dos pequenos concellos. Así o facemos na recollida do lixo ou na recadación municipal. As deputacións deben actuar como unha plataforma de servizos para os concellos, o seu maior aliado", explicou.
Baltar afirmou que se fai necesaria, asemade, unha reforma de financiamento para facer efectivo o principio de suficiencia financeira proclamado no artigo 142 da Constitución, "coa evidente participación das deputacións nos tributos das comunidades autónomas", cuestión que xa reclamou en sede parlamentaria, na comisión de economía e orzamentos do Parlamento de Galicia, cando interveu na fase de elaboración dos orzamentos de Galicia para este ano 2013.
Reforma electoral
Manuel Baltar defendeu tamén a reforma do réxime electoral, que permita a elección directa polos cidadáns dos deputados provinciais. "Converter as deputacións –dixo- en asembleas de elección directa, como o son os concellos, as asembleas lexislativas das comunidades autónomas e as cortes xerais do estado. E tamén gobernos locais intermedios de Europa e mesmo de España, como as xuntas xerais das deputacións forais vascas, os cabildos insulares canarios e os consellos insulares baleares. Unha reforma que esixe a Carta Europea de Administración Local e que permite a nosa Constitución", concluíu.
Esta "II Xornada sobre o futuro das provincias", que se desenvolve no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense conta coa participación do secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, quen disertará sobre a Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local
Asemade participan Xosé Luis Barreiro Rivas, doutor en Ciencias Políticas e profesor da Universidade de Santiago; Guillermo Márquez Cruz, catedrático da Universidade de Santiago, e Luis Míguez Macho, doutor en Dereito e profesor desta mesma universidade.
O obxectivo da xornada é debater sobre como racionalizar e facer máis eficaz a organización dos servizos públicos dos gobernos locais intermedios, e analizar as competencias das deputacións provinciais, avogando polo se desenvolvemento cun modelo de cooperación local que axude a redimensionar as tarefas dos concellos e demais entes locais. A xornada pretende propiciar un debate a escala estatal sobre o papel e o futuro dos gobernos locais intermedios para poñer ao día todo o ordenamento local e supralocal.