Acto de entrega das Bolsas a Deportistas, que concede anualmente a Deputación de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o acto de entrega de Bolsas para Deportistas, correspondente á convocatoria de 2012. Nesta edición, na que se cumpre o 25º aniversario desta iniciativa, coa que se pretende apoiar e recoñecer o traballo que fan os deportistas ourensáns máis destacados, a Deputación de Ourense repartiu un total de 25.000 euros.
O acto coutou coa presenza de 60 deportistas de diferentes modalidades, e xunto a Manuel Baltar entregaron as acreditacións e as achegas o deputado provincial de Deportes, Luciano Rivero, e o asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González, acompañados do director do Pazo dos Deportes "Paco Paz", Ángel Cid.
Manuel Baltar destacou que o deporte "é a máxima expresión do sacrificio, a entrega e do traballo en equipo, porque con este recoñecemento non só se premia aos deportistas senón que tamén se fai extensivo ás súas familias, adestradores e compañeiros, que os acompañan na súa andaina pola práctica deportiva", e engadiu que a Deputación de Ourense "esta e estará sempre apoiando iniciativas, como as deportivas, nas que destacan os mellores valores do ser humano".
As Bolsas a Deportistas da Deputación de Ourense divídense en catro grupos: o primeiro recoñece a aqueles deportistas ourensáns que teñen ou puideran ter consideración de olímpicos, que participen habitualmente coa Selección Nacional Española en probas do campionato do mundo ou europeos, ou que pola súa especial traxectoria e prestixio sexan merecentes de ocupar este grupo. No segundo grupo inclúense os deportistas que participaran, con razoable éxito, en campionatos de España absolutos acadando, na maioría dos casos, finais, ou estiveran seleccionados ou preseleccionados coa Selección Española, e que manteñan unha continuidade de varios anos no seu nivel competitivo e de presenza nalgún grupo desta convocatoria.
O grupo terceiro recoñece a aqueles deportistas que, figurando en postos de relevancia no ranking dos seus respectivos deportes, ou que se incorporaran á convocatoria nesta temporada, ou que pertencendo a disciplinas deportivas en expansión, aínda non acadan os méritos suficientes para figurar nos grupos anteriores. Finalmente, o cuarto grupo, denominado de "Axudas extraordinarias", constitúe o primeiro escalón para acceder ás axudas, e serve de acollida a aqueles deportistas que, pola súa xuventude, teñan un futuro prometedor, ou que practiquen disciplinas deportivas de federacións minoritarias en expansión, ou sendo bolseiros en anteriores edicións baixaran o seu rendemento deportivo, por exemplo por mor dunha lesión.