Manuel Baltar destaca o labor da Mancomunidade Terra de Celanova nos ámbitos social, do medio ambiente e seguridade
- O presidente da Deputación de Ourense visitou hoxe as instalacións e reuniuse cos oito alcaldes e representantes dos concellos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe na súa visita á Mancomunidade Terra de Celanova "os excelentes resultados que se obteñen da cooperación e do traballo coordinado entre o goberno provincial e esta mancomunidade", da que destacou "o gran labor que realiza nos ámbitos do medio ambiente, seguridade e nos servizos sociais".
Baltar, quen visitou as instalacións e mantivo unha reunión cos oito alcaldes e representantes dos concellos que integran a mancomunidade, afirmou que "o traballo modélico que realiza a mancomunidade co seu presidente á fronte –o alcalde de Quintela de Leirado, Antonio Pérez Cortés- permite que se desenvolvan diferentes programas e servizos en colaboración coa Deputación de Ourense, como son os de axuda no fogar, servizos sociais, bombeiros, saneamento, recollida de lixo, unha microplanta compactadora, unha desbrozadora para acondicionamento de estradas e un centro ocupacional, accións coas que se abordan aspectos tan importantes como son a atención e protección das persoas, a prestación de servizos básicos e o mantemento de infraestruturas".
Pola súa banda, Antonio Pérez Cortés agradeceu o apoio da institución provincial "pola importante colaboración que ofrece", e tanto Baltar como Pérez Cortés concordaron na importancia de que o consenso político sexa total entre os concellos que integran a mancomunidade para que os proxectos se poidan levar adiante sen ningún problema e coa máxima celeridade e eficacia. Manuel Baltar afirmou que a Deputación de Ourense seguirá colaborando e apoiando á Mancomunidade Terra de Celanova á que cualificou de "exemplo de xestión de servizos para os cidadáns".