O caso "Madrid-Arena", a análise no curso de seguridade deportiva e cultural da Deputación de Ourense

Compartir

  • Terá lugar o 7 de xuño e vai dirixido a xestores de instalacións deportivas e culturais, responsables de recintos feriais e organizadores de macro-eventos.

O caso do "Madrid-Arena", os plans de seguridade para macro-eventos e a organización de operativos para actividades deportivas e culturais en recintos que congreguen a un grande número de persoas, son os principais temas que se analizarán no curso de seguridade en actividades deportivas e culturais que organiza a Deputación de Ourense o vindeiro 7 de xuño no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

O curso vai dirixido a xestores de instalacións deportivas e culturais, responsables de recintos feriais e organizadores de macro-eventos, e ten como obxectivo analizar os criterios sobre a organización de operativos de seguridade en actividades multitudinarias en recintos cubertos e ao aire libre, asi como concienciar aos responsables de eventos deportivos e culturais da transcendencia do coñecemento de medidas de seguridade e a súa adopción.

Para elo realizaranse exercicios de elaboración de plans de seguridade e debaterase sobre a lexislación específica de aplicación para estes eventos, poñendo como exemplo e análise o caso do "Madrid-Arena".

Os relatores que impartirán o curso son Eduardo Blanco Pereira, doutor en Dereito Deportivo e profesor de Estrutura e organización deportiva da Universidade de A Coruña; José Luis Gómez Calvo, director de seguridade en empresas pola Universidade Pontificia de Comillas, e experto en seguridade de instalacións, actividades deportivas e eventos de masa; e finalmente Santiago López Cuadrado, licenciado en Educación Física, xerente do Multiusos do SAR e especialista en grandes eventos deportivos e culturais.

A data límite de inscrición é o día 5 de xuño, e o curso, que ten unha duración de 6 horas, desenvolverase no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o día 7 de xuño, en horario de 9.30 horas a 18.30 horas, organizado e patrocinado pola Deputación de Ourense, e coa colaboración de Agaxede (Asociación Galega de Xestores Deportivos). As cotas de inscrición son: gratuíto para os alumnos que se inscriban mediante o programa de formación continua da Deputación de Ourense; 150 euros para asistentes en xeral; 100 euros para asistentes de concellos galegos; 50 euros para alumnos que cursen ensinanzas oficiais recoñecidas e relacionadas coa actividade física e o deporte, e 25 euros para os socios de Agaxede.

Para máis información: Ángel Cid Manzano (988 247 012)