Baltar defende "medidas urxentes" para garantir o acceso digno a unha vivenda
- Na inauguración do I Congreso do Sector Inmobiliario de Galicia afirmou que é necesario priorizar o alugueiro, a rehabilitación e a renovación urbana, "corrixindo as debilidades estruturais, en beneficio dos que máis o precisan".
- O presidente da Deputación citou a reforma fiscal, a protección a debedores hipotecarios, un crédito máis fluído e o axuste dos prezos, como medidas a impulsar, todo elo unido á necesidade de reforzar a cooperación entre os axentes involucrados.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na inauguración do I congreso do Sector Inmobiliario de Galicia que é necesario a adopción de "medidas urxentes" para garantir o acceso digno a unha vivenda ás persoas que máis o necesiten. Baltar afirmou que é necesario priorizar o alugueiro, a rehabilitación e a renovación urbana, "corrixindo as debilidades estruturais, sen esquecer a necesaria sostibilidade ambiental que afecta ás cidades".
O presidente da Deputación citou a reforma fiscal, a protección a debedores hipotecarios, un crédito máis fluído e o axuste dos prezos, como medidas a impulsar, todo elo unido á necesidade de reforzar a cooperación entre os axentes involucrados.
"Estes deberes e obrigas –explicou- téñense que traducir en medidas concretas para protexer aos cidadáns, nunha política de vivenda que se aborde dende unha perspectiva integral, porque a opinión pública é sensible á situación actual que en materia de vivenda estamos sufrindo, cun importante stock de vivendas novas e baleiras sen ningún uso, o que unido a unha alta taxa delas en propiedade e a un débil mercado de alugueiro, fai necesario establecer mecanismos como a Lei de medidas de flexibilización e fomento do mercado de alugueiro de vivendas, para incentivar unha oferta máis competitiva de vivendas en alugueiro, garantindo así un novo mercado profesionalizado que ofreza seguridade, tanto ao propietario como ao inquilino".
O congreso, que se desenvolve na Confederación Empresarial de Ourense, contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias e da Asociación de Empresarios Inmobiliarios de Ourense, Benito Iglesias, e con representantes do sector, a quen Manuel Baltar dixo que a reconversión do sector inmobiliario e da construción, "ten que ser tamén garantía dun modelo intelixente nas cidades, un modelo sostible e integrador, tanto ambiental, como social e económico, que xere benestar e garanta a calidade de vida dos seus cidadáns".
Afirmou que todos os esforzos son poucos para contribuír á reactivación dun sector clave, o inmobiliario, na recuperación económica deste país. "Faise necesario –explicou Baltar- reforzar a cooperación entre todos os axentes involucrados: administracións públicas, axentes do sistema financeiro, investidores, clientes e as propias inmobiliarias e construtoras. Requírense propostas innovadores e coordinación de políticas, de estratexias que supoñan novos esforzos cara á transición do sistema".
Novo modelo de negocio
O presidente provincial avogou por facer unha "reflexión estratéxica" sobre o futuro deste sector. "España necesita un sector inmobiliario forte, con valor engadido e proxección internacional, que se transforme nun modelo de negocio distinto, adaptado á nova conxuntura e esquecendo os erros do pasado. Un novo desenvolvemento sostible e competitivo no longo prazo do sector inmobiliario".
Manuel Baltar puxo como exemplo as políticas que está a levar a cabo a Deputación de Ourense, ente que se atopa "en pleno proceso de redimensionamento e adelgazamento", previsto no Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa, "e que ven de recibir o apoio do Goberno de España á unha estratexia de racionalización da estrutura administrativa municipal. Elo fará que Ourense, a nosa provincia, os seus 92 concellos, serán referencia para o resto de España no novo escenario que inaugurará a reforma da administración local a partires do 1 de xaneiro de 2014".
Neste sentido, Baltar defendeu "un camiño de administracións máis eficientes e que poidan ser avaliadas a través da posta en marcha dun barómetro de xestión municipal, para evitar que se produzan duplicidades e solapamentos".