A Deputación de Ourense valora como "moi positivo" o impulso económico que lle dan á provincia proxectos empresariais como o de Cabreiroá
- Manuel Baltar afirma que a riqueza termal da provincia de Ourense "é un valor e un sinal de identidade que temos que seguir promovendo nos ámbitos sociais, económicos e da saúde".
A Deputación de Ourense valora como "moi positivo" o impulso económico que proxectos empresariais como o de Cabreiroá lle dan á provincia, "porque inciden na riqueza termal, un valor e un sinal de identidade que temos que seguir promovendo nos ámbitos sociais, económicos e da saúde", afirma o presidente provincial, Manuel Baltar.
Baltar asistiu esta mañá en Verín a un acto no que participou o adestrador da selección española de fútbol, Vicente del Bosque, xunto co conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, e co alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, para presentar a auga oficial da selección española e exhibir ao público o trofeo que acredita ao equipo nacional como campión da copa do Mundo conseguida en Sudáfrica en 2010, trofeo que xa fora exhibido no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense o pasado ano.
"O termalismo é o ouro líquido e transparente que temos que saber xestionar coa máxima eficacia, porque do termal dependerá no futuro boa parte da economía da provincia de Ourense, por ser este un sector que nos diferencia e nos da valor engadido", explica Manuel Baltar.
Proba da importancia que a institución provincial lle da este sector é o feito de que este ano 2013 os orzamentos da deputación dedicaran por primeira vez na historia unha partida específica ao termalismo. Tamén, hai unhas semanas, a Deputación Ourense presentou o seu primeiro programa provincial de "Termalismo Saudable", un proxecto que ten como obxectivo contribuír o fomento dos balnearios da nosa provincia como motores dinamizadores da economía ourensá. Este programa está orientado ás persoas maiores de 50 anos para que poidan gozar de tratamentos terapéuticos adaptados ás súas necesidades.
A tal efecto, para poñer en marcha esta iniciativa, o presidente da Deputación de Ourense asinou cos representantes de Caldaria (Lobios, Cenlle e Arnoia) e dos balnearios de Baños de Molgas e O Carballiño un convenio de colaboración polo que a institución provincial desenvolve un programa dirixido a promover os tratamentos termais e potenciar o turismo termal, por ser este un sector estratéxico no desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense.