Primeira xornada de Manuel Baltar como presidente do Inorde

Compartir

  • Mantivo hoxe unha reunión de traballo co xerente do organismo para analizar os proxectos en marcha e as novas iniciativas do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comezou hoxe a súa etapa como presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), dende que onde o pleno da corporación provincial o elixise como máximo responsable deste organismo. Na primeira xornada ao fronte do Inorde, Baltar mantivo xa unha reunión de traballo co xerente da entidade, José Manuel Rodríguez, con quen analizou os proxectos que está a desenvolver o organismo e as novas iniciativas que impulsará nos vindeiros meses nos eidos económico e de promoción da provincia de Ourense.

Ao longo da mañá, Manuel Baltar avaliou co xerente do Inorde o grao de execución do proxectos, os novos programas en marcha, a situación do persoal do organismo e o estado dos centros dependentes, unha análise que, en palabras de Manuel Baltar, "non só serviu para avaliar á traxectoria deste organismo autónomo senón tamén para destacar a validez e idoneidade dun ente que amosa ser un importante instrumento de desenvolvemento de Ourense".

O Presidente da Deputación e do Inorde salienta que a nova etapa deste organismo forma parte do Plan OURENSE 92 de estratexia e xestión operativa do goberno provincial. Neste documento, a disposición de tódolos cidadáns na web da institución –www.depourense.es-, fixábanse xa as liñas xerais de redefinición do Inorde. O desenvolvemento deste Plan vencella ao Inorde con sectores produtivos e de futuro, claves na economía provincial, como son o termalismo e a pizarra, e tamén se deseñan actuacións e cronogramas de implantación das mesmas. "Actuacións todas elas –afirma Manuel Baltar- que hoxe son unha realidade como un plan de axuda, en materia de comercio exterior, á internacionalización das empresas ourensás, en colaboración cos parques empresariais de promoción pública, e propostas convertidas hoxe en feitos como os códigos QR para o turismo ou a colaboración cos concellos para a dinamización turística e empresarial".

No tempo que Manuel Baltar leva ao fronte da Deputación de Ourense, tamén se puxo en marcha o Observatorio Económico Provincial –enmarcado tamén no Plan OURENSE 92- , un instrumento de análise que o presidente fixo depender do Inorde, dispoñendo xa de datos –feitos públicos a nivel comarcal- de cada concello da provincia, "uns números necesarios para fundamentar as mellores decisións públicas nunha etapa obrigada de "priorizar dentro das prioridades", explica Baltar.

Manuel Baltar cree no Inorde como "unha ferramenta de impulso da economía provincial", e nesta semana convocará a primeira xuntanza do comité executivo do Instituto para inaugurar esta nova etapa na que "ninguén vai esperar por nós, porque nosa ten que ser a iniciativa".