A Deputación de Ourense destina 250.000 euros a proxectos sociais

Compartir

• A Institución provincial incrementa en 2013 nun 79% o orzamento da convocatoria pública destinado a proxectos sociais.

• A presentación das solicitudes comezará mañá mércores e as entidades sen ánimo de lucro interesadas poderán realizala telematicamente no prazo máximo dun mes.

• A convocatoria de 2013 prioriza os proxectos dirixidos á atención de situacións de pobreza ou emerxencia social.

A Deputación de Ourense publica no BOP de hoxe as bases que regularán a concesión de subvencións ás entidades de iniciativa social que realicen actividades sen ánimo de lucro e que teñan sede na provincia Ourense. A Institución provincial adicará este ano un orzamento de 250.000 euros para esta convocatoria, o que supón un incremento do 79% con respecto ó 2012. As entidades beneficiadas da subvención, poden recibir como máximo un cofinanciamento de 10.000 euros para a realización dos seus proxectos seleccionados.

As entidades poderán acceder a toda a información da convocatoria, así como realizar a súa solicitude a partir de mañá mércores, 5 de xuño, a través da dirección de internet http://programasentidades.depourense.es. Neste ano 2013 incorpórase como elemento de valoración das solicitudes a tipoloxía das necesidades atendidas polos proxectos presentados, priorizando aqueles dirixidos á atención de situacións de pobreza ou emerxencia social. A Deputación de Ourense pon a disposición dos usuarios a Área de Benestar da institución como punto de axuda e información para que as cuestións técnicas non supoñan unha limitación para os interesados.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, marcou os servizos sociais "como unha liña prioritaria que recolle o Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92 da institución provincial, e o notable incremento deste ano nos orzamentos é consecuencia dunha xestión centrada en facer máis con menos, e sempre priorizando recursos, moito máis se se trata dunha área tan sensible na cidadanía, como son nestes momentos os servizos sociais".