Baltar avoga por unha "economía verde" na presentación da Rede ourensá de municipios cara á sostibilidade
- A Deputación de Ourense é a primeira de Galicia que lidera esta iniciativa medioambiental a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, por medio da cooperación e o consenso político e social.
- 22 concellos adhírense na primeira fase ao chamado "Pacto dos alcaldes", que ten como obxectivo promover iniciativas para levar a cabo "comportamentos ambientais exemplares" e cumprir a Axenda 21.
- O programa enmárcase no Plan OURENSE 92 e ten a finalidade de converter á provincia de Ourense nun exemplo de coordinación municipal no que atinxe ao medio ambiente.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, na presentación da "Rede ourensá de municipios cara á sostibilidade" que é necesario "desenvolver iniciativas que favorezan unha "economía verde" para facer máis eficientes o uso dos recursos medioambientais nos nosos concellos". Baltar destacou que a Deputación de Ourense é a primeira de Galicia que lidera unha iniciativa medioambiental "en rede" a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, "por medio da cooperación e do consenso político e social, o que permitirá abordar os problemas do medio ambiente de maneira conxunta e con máis eficiencia e aforro, pensando exclusivamente no benestar dos cidadáns do presente e do futuro".
No acto de hoxe, que supón a primeira fase do programa, 22 concellos da provincia de Ourense asinaron o denominado "Pacto dos alcaldes", baseado na Carta de Aalborg, que ten como obxectivo promover iniciativas para levar a cabo "comportamentos ambientais exemplares" e cumprir a Axenda 21. Desta maneira, os concellos adheridos á rede comprométense a cooperar en políticas medioambientais, optimizar gastos en consumo enerxético e xestión de auga e de residuos e impulsar a xestión integral do desenvolvemento económico, social e cultural, sempre da man dunha "cooperación sostible".
O programa enmárcase no Plan OURENSE 92 e ten a finalidade de converter á provincia de Ourense nun exemplo de coordinación municipal no que atinxe ao medio ambiente. "A clave está –en opinión de Manuel Baltar- na participación activa da comunidade, cun alto nivel de cooperación interinstitucional".
"Goberno ambiental"
O presidente da Deputación defende un "goberno ambiental", transversal e interactivo, ligado a temas prioritarios como o ciclo da auga, a biodiversidade, o cambio climático, o uso do chan e a degradación da terra, para que os concellos sexan tamén "concellos ambientais".
Esa "economía verde" que propugna Baltar, como eixo que favorecerá a competitividade medioambiental, pasa pola eficiencia dos recursos "e será socialmente inclusiva, é dicir, non será unha moda pasaxeira senón que temos a obriga de que sexa o mellor sinal de identidade para o crecemento económico sostible da nosa sociedade".
Os concellos que figuran adheridos ao "Pacto dos alcaldes" son: A Bola, A Gudiña, A Merca, Baltar, Cartelle, Calvos de Randín, Celanova, Gomesende, O Barco, Os Blancos, O Carballiño, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Verea, aos que próximamente se irán sumando máis municipios da provincia.
O acto de hoxe, no que tamén se presentou o "Observatorio da sostibilidade do medio ambiente", tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, no que o presidente provincial estivo acompañado polo director da Área de Medio Ambiente, Javier Bobe, e pola xefa da sección de Xestión Natural da Deputación de Ourense, María Sabas.
A "Rede ourensá de municipios cara á sostibilidade" agrupa aos concellos da provincia que avogan polo desenvolvemento sostible. É o punto de encontro para a realización de accións comúns e o intercambio de información e experiencias, propiciando un espazo para a reflexión e o diálogo aberto entre representantes da administración, técnicos e cidadáns da provincia de Ourense.
A finalidade tamén é coñecer os condicionantes, problemas e potencialidades da provincia a través da diagnose do territorio, o que permitirá establecer accións de desenvolvemento económico, cohesión social e eficiencia ambiental.
Este proxecto consta de dúas fases, unha primeira "Etapa provincial- intermunicipal" que abrangue os vindeiros dous anos e que pretende sentar as bases para compartir e optimizar recursos e levar a cabo proxectos intermunicipais. E unha "Etapa local", na que se realizarán as "Axendas 21 locais" dos concellos adscritos á Rede.
Campañas e concurso escolar
A campaña contará có apoio técnico do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense na realización das "A21", e có compromiso das administracións locais e provinciais, que foi ratificado no pleno de febreiro pasado coa sinatura da "Carta de Aalborg", e co "Pacto dos alcaldes", asinado hoxe. Ámbolos dous documentos recollen os compromisos institucionais en materia de sostibilidade e eficiencia enerxética.
A Deputación de Ourense, ademais de dar a coñecer á cidadanía a importancia de integrar a sostibilidade no desenvolvemento provincial, porá en marcha campañas de comunicación para facer partícipes aos veciños dos concellos das accións que se van a levar a cabo, como campañas divulgativas medioambientais, enquisas, obradoiros e foros de debate, así como un concurso escolar sobre a Axenda 21, que se convocará en setembro, co inicio do curso, no que participarán alumnos dos colexios ubicados nos concellos adscritos ao pacto.