A Deputación de Ourense apoia a recuperación da historia castrexa da Baixa Limia co "Roteiro de Vilela"

Compartir

  • Un cento de sendeiristas inauguraron hoxe o renovado camiño que une os castros de Pena Maior e da Croa, proxecto promovido pola asociación de veciños de Vilela e o Concello de Bande, contando co financiamento da institución provincial.

  • Manuel Baltar cualificou ao roteiro de "singular xoia histórica e paisaxística, que xungue patrimonio e etnografía co gozo dunha actividade saudable como é o sendeirismo".

A historia castrexa da Baixa Limia cobra dende hoxe máis realce coa apertura do renovado "Roteiro de Vilela", unha ruta de sendeirismo que foi recuperada coa colaboración da Deputación de Ourense e que percorre un dos trazados máis fermosos da provincia, unindo os castros de Pena Maior e da Croa, ofrecendo unhas vistas paisaxísticas inmellorables do Val do Limia e da Serra do Xurés.

Un cento de sendeiristas déronse cita esta mañá en Vilela (Bande) para percorrer os catro quilómetros deste roteiro, que foi recuperado grazas ao proxecto que desenvolveu a asociación de veciños de Vilela, que preside Manuel Rivero, co apoio do Concello de Bande e da Deputación de Ourense.

O presidente provincial, Manuel Baltar, dixo no acto de apertura do novo trazado que o Roteiro de Vilela "é unha singular xoia histórica e pasaxística que une patrimonio e etnografía co gozo dunha actividade saudable e lúdica como é o sendeirismo". Baltar engadiu que este proxecto "incide na dinamización do medio rural e na valorización do noso medio natural, enlazando coa posta en valor de todo o patrimonio cultural e histórico que ten unha bisbarra como a da Baixa Limia, un concello como o de Bande, e sinaladamente unha parroquia como a de San Xoán de Baño, especialmente activa na recuperación das tradicións".

Pola sua banda, José Antonio Armada, alcalde de Bande, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e loubou o traballo da asociación e dos veciños de Vilela, "quen na actualidade están a traballar para que este roteiro teña a catalogación de "sendeiro galego de pequeno percorrido", o que lle dará, sen dúbidas, unha distinción singular e servirá de pulo para atraer ás nosas terras aos amantes da natureza e do sendeirismo".

O Roteiro de Vilela discorre por unha frondosa carballeira ate o castro de A Croa, dende o que ascende ao castro de Pena Maior, dominando o Val do Limia e os cumios da Serra do Xurés, onde vexetación, patrimonio e paisaxe, mestúranse para ofrecer ao sendeirista un escenario perfecto para gozar da natureza da Baixa Limia.