Deputación de Ourense e a Axencia Tributaria de Galicia asinan un convenio para facilitar os trámites a cidadáns e empresas
- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, subscribiron hoxe un acordo que permitirá mellorar a xestión telemática de datos para simplificar trámites administrativos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, asinaron hoxe en Ourense un convenio de colaboración que permitirá facilitar e simplificar os trámites administrativos a cidadáns e empresas, mellorando a xestión telemática dos mesmos.
No marco deste acordo, a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) cederá información tributaria á Deputación de Ourense a través de procedementos telemáticos, de modo que o organismo provincial poderá acceder a esta documentación sen necesidade de pedirlla aos cidadáns. Isto servirá axilizar os procedementos de resolución de expedientes e dotalos de maior fiabilidade.
Manuel Baltar afirma: "Nestes momentos máis ca nunca cidadáns e empresas teñen que ter de nós, as administracións, respostas rápidas e eficaces, e con este procedemento de mellora telemática conseguiremos máis axilidade nas tramitacións administrativas, o que redunda en beneficio do cidadán".
A través deste convenio, a Deputación de Ourense poderá obter directamente da ATRIGA toda aquela información de tipo económico que precise para a concesión de subvencións, axudas ou para efectuar todo tipo de contratación con particulares ou empresas sen necesidade de que os cidadáns teñan que achegala pola súa conta. Por exemplo, a institución provincial recibirá da Axencia Tributaria de Galicia cada vez que o solicite o certificado de que unha entidade ou un contribuínte ourensán está ao corrente dos pagos coa Administración autonómica.
Este convenio enmárcase na liña de actuación seguida pola Administración autonómica de facilitar a realización de xestións e trámites burocráticos a todos os cidadáns. Trátase en todo caso de acadar un funcionamento máis áxil, máis eficaz e, na medida do posible, menos burocrático.
Deste xeito, a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e as deputacións provinciais garante a seguridade e a fiabilidade máxima dos datos obtidos a través de medios telemáticos.
A Consellería de Facenda foi xa pioneira no impulso da e-administración e en ofrecer servizos electrónicos para facilitar a realización de trámites a través de internet, ampliando prestacións e mellorando así as relacións entre Administración e cidadáns. Neste sentido, Elena Muñoz lembrou que dende 2003 xa é posible a presentación e o pago telemático de impostos autonómicos.