Manuel Baltar e Jesús Vázquez analizan temas do patrimonio histórico-artístico da provincia de Ourense

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, mantiveron hoxe unha reunión no Pazo Provincial para analizar temas referidos á cultura e o patrimonio histórico-artístico da provincia de Ourense. Baltar e Vázquez abordaron, entre outras cuestións, a solicitude de colaboración por parte do Inorde para o "Proxecto estacións", en concreto no que atinxe á musealización dalgunhas estacións ferroviarias recuperadas no seu día polo Inorde co financiamento de fondos Feder.

Asemade, o titular de Cultura e o presidente provincial analizaron a situación dos compromisos adquiridos para a rehabilitación da capela dos Remedios na capital, para o cal a Deputación de Ourense achegará 100.000 euros, e comentaron o estudo que se está a facer para o recoñecemento e declaración do Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro, para o cal se lle está a achegar á consellería toda a documentación histórica referida a este camiño. Na xuntanza estiveron tamén presentes a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, e a xefa territorial de Cultura, Mercedes Gallego.