Deputación de Ourense e Universidade de Vigo colaboran nun estudo pioneiro sobre a "Historia do poder local"
- Manuel Baltar e Salustiano Mato asinaron un convenio para a dixitalización de documentos históricos da institución provincial, que servirá de base para o traballo investigador.
A Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo colaboran para levar a cabo un estudo pioneiro no eido da historia contemporánea. Trátase dunha investigación sobre a "Historia do poder local", que coordinará o profesor e investigador Xulio Prada, da Universidade de Vigo, e que, segundo pronosticou "levará varios lustros, dada a cantidade de información que temos que manexar o que, unido ao feito de que é un estudo único e singular, teremos que abordar o traballo en varias fases, abranguendo os anos 1917 ao 1975", explicou o historiador, especialista en Historia Contemporánea.
Precisamente, para a realización deste estudo, hoxe o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron un convenio de colaboración que permitirá dixitalizar a documentación patrimonial e histórica da institución provincial, "o cal fará posible poñer a disposición dos cidadáns unha información de indubidable valor histórico e, á vez, permitirá aos investigadores achegarse máis polo miúdo á realidade política, social e histórica da provincia de Ourense", explicou Manuel Baltar.
O convenio, que non supón achegas económicas por ningunha das dúas institucións "é unha nova maneira de cooperación institucional na que unimos sinerxias para devolverlle á sociedade ourensá o que noutros tempos nos deu", afirmou Baltar, destacando que os 14 meses de vixencia do acordo permitirán realizar un exhaustivo traballo de dixitalización dos fondos documentais da Deputación de Ourense "que logo quedarán a disposición de todos e servirá para relanzar o noso patrimonio histórico dun período tan importante para a sociedade como foi o século XX".
Salustiano Mato dixo que este modelo de colaboración entre Deputación de Ourense e Universidade de Vigo "é o resultado de harmonizar as capacidades de ámbalas dúas institucións, intercambiando coñecemento e investigación, nuns espazos de colaboración que cobren unhas necesidades históricas importantes, que agradecen tanto os investigadores como a sociedade en xeral".