Máis de 1.000 persoas participarán na 17ª Convivencia Familiar de persoas con discapacidade intelectual

Compartir

  • O evento, no que colabora a Deputación de Ourense, terá lugar o vindeiro domingo no parque municipal do Carballiño e ten como obxectivo difundir os valores de esforzo e sacrificio das persoas con esta discapacidade así como os seus dereitos.

Máis de 1.000 persoas, pertencentes a asociacións de Galicia e Asturias, daranse cita o vindeiro domingo, 7 de xullo, no parque municipal do Carballiño para asistir á 17ª Convivencia familiar de persoas con discapacidade intelectual, un evento que regresa á vila carballiñesa da man do concello, coa colaboración da Deputación de Ourense e organizado por Special Olympics Galicia, Asociación de Pais, profesionais e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual.

Hoxe tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense a presentación desta actividade, acto que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; a concelleira de igualdade e Benestar Social do Carballiño, Purificación Alberte, o presidente de Special Olympics Galicia e Fademga, Eladio Fernández, e Laura Trigás, usuaria de Asociación Aspadisi.

Manuel Baltar salientou a importancia de promover e destacar os valores das persoas con discapacidade intelectual "nos que se unen o esforzo, o afán de superación e un movemento asociativo de gran forza, que ilusiona e merece todo o recoñecemento da nosa sociedade".

Pola súa banda, o alcalde do Carballiño afirmou que a vila "volve recuperar esta actividade que xa botábamos en falta, polo que supón de gran xornada de convivencia e polo orgullo que sentimos como pobo carballiñés por acoller un evento destas características".

O presidente de Special Olympics agradeceu que a convivencia "se poida volver celebrar neste fermoso e emblemático lugar como é o parque do Carballiño", mentres que Laura Trigás recordou as actividades que se van desenvolver, entre as que citou obradoiros e xogos tradicionais, e destacou que obsequios cos que se van distinguir ás persoas e colectivos homenaxeados foron feitos polos propios usuarios das asociacións.

Estas xornadas de convivencia familiar, organízanse para fomentar a participación das persoas con discapacidade intelectual, así como da súas familias, directivos, profesionais e voluntarios, baixo un entorno de convivencia, confraternidade e intercambio de experiencias.

En total, participarán nesta convivencia familiar en torno a 400 familiares que estarán acompañando a máis de 300 persoas con discapacidade intelectual das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, así como a unha delegación de Special Olympics Asturias, formada por 22 persoas.

As orixes desta convivencia remóntanse ao ano 1996, cando se comezou a organizar da man do movemento asociativo FADEMGA FEAPS GALICIA. No ano 2000, Special Olympics Galicia contituiuse como asociación, e dende entón é esta entidade a encargada de organizar cada edición a Convivencia Familiar, a través da que se pretende facer visibles ante a sociedade os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, creando un espazo de intercambio de experiencias e apoio de unidades familiares.