A Deputación de Ourense estrea un novidoso sistema de asfaltado para as estradas, a base de fibra de vidro

Compartir

  • O tratamento, pioneiro en España, permite unha maior resistencia e durabilidade da banda de rodadura.

  • A presentación tivo lugar nun vial de acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas, coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense é a primeira de España en estrear nas estradas provinciais un novidoso sistema de tratamento asfático, a base de fibra de vidro, que permite unha mellor compactación e resistencia da banda de rodadura. A presentación tivo lugar hoxe nunha xornada técnica celebrada en Ourense e a posterior demostración nun dos viais que dan acceso ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas, coa presencia do presidente provincial, Manuel Baltar, e técnicos da deputación e doutras administracións, que asistiron á xornada.

Este sistema é pioneiro en España e até o de agora só se empregou en Lleida. Ten demostrado a súa fiablidade en países como Estados Unidos, Alemaña ou México, e consiste e dar tratamento a firmes con moitas fisuras, principalmente deteriorados polo peso dos vehículos e polas filtracións de auga, e regar a estrada cunha emulsión ligante estendendo, ao mesmo tempo, unha capa de fibra de vidro e áridos. A súa rapidez de secado permite que case ao momento a estrada estea dispoñible para ser aberta ao tráfico.

Dada a súa maior durabilidade, a aplicación deste novo material asfáltico está indicado para retardar a aparición de fendas e, en consecuencia, retardar o deterioro do pavimento, o que supón un importante aforro e superficies de rodadura de calidade. A fibra de vidro asegura a adhesión das capas da estrada e desta forma a impermeabilidade das capas inferiores, o que supón un freo ás fisuras.

Manuel Baltar explicou que esta novo sistema "é unha aposta pola innovación que a Deputación de Ourense desenvolve en favor dos cidadáns que circulan polas estradas provinciais", e agradeceu a presenza de técnicos doutras administracións de Galicia e da propia Xunta de Galicia que hoxe asistiron en Ourense a esta xornada técnica "que terá, sen dúbidas un interese destacado para seguir mellorando a seguridade e a calidade nas nosas estradas".