Xunta e Deputación de Ourense analizan temas referidos ás emerxencias na provincia
- Destacaron a futura posta en marcha do Consorcio Provincial de Ourense que centralizará e coordinará as actuacións dos parques provinciais.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe en Santiago co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para tratar diversos temas no eido das emerxencias nos concellos ourensáns. Un dos puntos principais deste encontro foi o parque de bombeiros de Carballiño, no que o Goberno autonómico investiu máis de 650.000 euros e que entrará en funcionamento o próximo ano. Así, coa posta en marcha do parque de Carballiño, Galicia contará xa con 25 parques comarcais, completando a rede de emerxencias supramunicipal que a Xunta e as deputacións están a poñer en marcha por todo o territorio galego.
Ademais desta infraestrutura, Rueda e Baltar abordaron outros asuntos como a inminente posta en marcha do Consorcio Provincial de bombeiros de Ourense este mesmo ano, de maneira que prestarase un servizo homoxéneo e profesionalizado en toda a provincia, que permitirá atender con persoal cualificado as emerxencias que poidan producirse, e cuxo ámbito de actuación será toda a provincia de Ourense, con independencia de que a cada parque se lle asigne un área de actuación preferente, o que non impide que se for necesario poida atender imprevistos en calquera punto da provincia, ou mesmo colaborar cos servizos homólogos das provincias limítrofes se a situación o requirise.
O futuro Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense centralizará e coordinará as actuacións dos Parques Comarcais para acadar así un servizo con altas cotas de coordinación e eficacia. Actualmente, na provincia ourensá hai 3 parques comarcais de bombeiros, ademais do parque municipal de Ourense, ao que se lle suma o servizo de bombeiros de Celanova, que será reforzado proximamente mediante un convenio entre a Xunta, a Deputación e os concellos que cubrirá.